Á hora de apagar os lumes, coidado con erosionar o solo coa auga

O CIF de Lourizán amosa os seus avances frente ao risco hidrolóxico que supoñen as tarefas de extinción sen planificar

JAVI O director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, asistirá á presentación do libro Eficacia de los tratamientos de estabilización del suelo después de incendio en Galicia. No salón de actos do Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán (estrada Pontevedra-Marín, km 4).
photo_camera JAVI O director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, asistirá á presentación do libro Eficacia de los tratamientos de estabilización del suelo después de incendio en Galicia. No salón de actos do Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán (estrada Pontevedra-Marín, km 4).

Eficacia dos tratamentos de estabilización do solo despois de incendio en Galicia é o título do libro elaborado no Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán para dar a coñecer o labor de monitorización que vén desenvolvendo dito centro, dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), de Medio Rural. Este martes tivo lugar alí a presentación a cargo do seu director, Enrique Martínez Chamorro.

Neste estudo, explicou a Consellería nunha nota, lémbrase que unha das cuestións importantes que deben considerarse cando se extingue un lume é a mitigación do risco hidrolóxico erosivo, que pode implicar outra serie de danos ecolóxicos e económicos, malia que as situacións de maior risco para os bens e as persoas adoitan ter lugar no momento no que se está producindo o incendio.

O libro pretende contribuír á mellora da xestión do risco hidrolóxico-erosivo asociado aos lumes forestais no futuro

Nos últimos anos foron acometéndose unha serie de medidas, de forma planificada, orientadas á limitación deste risco. En todas estas accións, a cuestión central é a conservación do solo como clave para a recuperación dos ecosistemas forestais afectados e o mantemento dos servizos subministrados por eles, incluíndo o da produtividade forestal.

Na execución coordinada e planificada desas medidas paliativas, a monitorización dos tratamentos efectuados ten un papel crucial na consolidación de solos que vén efectuando a Dirección Xeral de Defensa do Monte. Os resultados obtidos permiten por un lado coñecer a magnitude da erosión e, por outra banda, avaliar a efectividade das medidas adoptadas e a eficiencia dos investimentos realizados. Isto tamén facilita unha mellor planificación das actividades futuras. Por iso, este libro pretende contribuír á mellora da xestión do risco hidrolóxico-erosivo asociado aos lumes forestais no futuro e noutras áreas que sofren tamén este problema, ademais de Galicia.

A información contida neste libro preséntase no marco dun proxecto internacional que busca mellorar a xestión dos riscos que ameazan as masas forestais do sur de Europa. Trátase da iniciativa Plurifor, que reúne a institutos de investigación, universidades, organizacións relacionadas cos montes (sindicatos, asociacións, servizos) e gobernos rexionais e consellos dos países do espazo Interreg Sudoe de Portugal, España e Francia, entre eles o CIF de Lourizán. O obxectivo é incorporar os coñecementos científicos máis recentes sobre os perigos para os bosques do suroeste de Europa nos mecanismos de planificación civil para facerlles fronte. Implica unha transferencia directa de coñecementos entre os países e as institucións asociadas que colaboran entre si para elaborar plans de xestión do risco baseados en datos empíricos e actualizados.

Comentarios