A hora do vermú trans-formada para fomentar a diversidade sexual

Pinto e Maragota, un proxecto da Concellería de Igualdade, conta cunha nova programación
Paloma Castro xunto ó cartaz da iniciativa. GONZALO GARCÍA
photo_camera Paloma Castro xunto ó cartaz da iniciativa. GONZALO GARCÍA

Pinto e Maragota é o programa municipal para fomentar e visualizar o colectivo LGTBI+. Naceu en xaneiro baixo a dirección de Carme Fouces coma colaboración coa asociación Avante LGTBI. Ao longo destes meses contou con charlas coma A diversidade sexual nas aulas. Materia pendente? ou O silencio educa: a mala educación sexual, que contou coa presenza da sexóloga Martina González Veiga. Agora presenta unha nova actividade: Os vermús de Pinto e Maragota, baixo a organización da Concellería de Paloma Castro (PSOE).

A iniciativa toma o seu nome na súa orixe, da especie Labrus bergylta, que se pode atopar na ría de Pontevedra. Estes dous peixes (o pinto e a maragota) considéranse mofotipos –dúas formas distintas da mesma especie–, unha perfecta metáfora da igualdade a pesares das diferenzas. Ademais, mudan de sexo na metade da súa vida, polo que tamén significan unha representación da diversidade sexual na natureza.

A nova concelleira levou a cabo onte pola mañá, no Concello, a presentación dos vermús e explicou que a nova etapa do proxecto "inclúe unha serie de propostas culturais e de ocio ao aire libre ca fin de axudar a respetar e a empatizar co colectivo LGTBI+". Están programadas para o penúltimo sábado do mes ao longo de catro meses (xullo, agosto, setembro e outubro) cun horario de 12.00 a 15.00 horas.

A presentación de cara a cidadanía será este sábado na Praza de Méndez Nuñez baixo o lema Música e danza pola diversidade. Desafía o movemento. Primeiro haberá un espectáculo de danza contemporánea a cargo de Xiana Vilas e Isabel Sánchez e ao rematar o DJ local Moreno Moreno será o responsable de amenizar o resto da xornada.

O 24 de agosto o acto terá lugar na Praza da Verdura e consistirá nunha performance con Marikas por la fiesta, Niko Elsker e Nosolojavi. Centrarase na reivindicación da cultura drag.

Tamén haberá poesía, neste caso, o 21 de setembro, con Daniel Asorey e un diálogo coa voz e música de Sanny. Neste día o lema da temática é Poética diversa. TransMatria. Poderase gozar no Campiño de Santa María,máis concretamente, no Bar Pavero.

O último sábado programado é o 19 de outubro, que consistirá nun conxunto de faladoiros sobre a vida trans fóra do armario: TRANSformando Pontevedra a cargo de Avante LGTB, nel participarán Ada Otero, Brais Papiri, e Magnolio. Neste caso, o lugar escollido polo concello para o Vermú é o Espazo gastronómico sostible O Mercado, na Rúa Serra.Algúns deles, coma Brais Papiri, xa formaran parte do proxecto anteriormente co faladoiro A voz da mocidade diversa.

Paloma Castro define ós pontevedreses coma "persoas abertas que ademáis o demostran", adxectivos nos que coincide con Fouces. Sen embargo indica que "aínda temos moito que avanzar". Cabe sinalar que a maiores das actividades propostas, o proxecto conta cun programa de asesoramento ás familias con pediatras e ofrece a posibilidade de atender psicolóxicamente ás posible víctimas de bullying. Así mesmo, o concello impartirá un protocolo de actuación en relación á materia para a Policía Local. Cara finais de ano faranse unhass enquisas "para valorar o nivel de concienciación e de respeto que hay na cidade respecto a esos temas".

Comentarios