
A asociación de empresarios da hostalería, Hoempo, acordou este xoves non abrir bares e restaurantes debido ás estritas restricións que impón a Xunta, que fan que a volta á actividade non sexa rendible nesta fase da desescalada. Desde este venres as terrazas poden estar abertas ao 50% do seu aforamento ata as 17.00 horas. "Entendemos que non todos vaian apoiar esta decisión e respectámolo, porque pode ser a diferenza entre comer ou non", explicaba Elena Vitoria, portavoz de Hoempo, tras o fin dunha asemblea do colectivo.
O anuncio chegou pola tarde, despois de que a hostalería de Pontevedra, Poio e Marín protagonizasen unha caravana de protestas polos tres municipios, na que se reivindicou a necesidade de axudas para salvar ao sector da crise. Cun cadaleito e coroas, simulando a morte do sector, máis dun cento de coches e motos circularon polas rúas pasando ante os concellos, a delegación da Xunta en Pontevedra ou a subdelegación do Goberno na cidade da capital. A marcha terminou en Raxó e o sector foi recibido no consistorio poiense para expor as súas demandas.
Na reunión participaron, por parte do Concello, o alcalde, Nito Sobral; a concelleira de Turismo, Silvia Díaz; a edil e Seguridade Cidadá, Marga Caldas, e o responsable de Promoción Económica, Gregorio Agís. Os integrantes do Goberno local recordaron as medidas aprobadas a nivel municipal, como a suspensión da taxa de lixos, así como a exención do pago da taxa de terrazas, durante os períodos de peche. Ademais, segundo explicaron fontes municipais, "o Goberno comprométese a seguir estudando posibles medidas".
No que se refire á exoneración de taxas e impostos municipais, Hoempo anuncia que endurecerá as súas protestas ante o Concello de Pontevedra para que poña en marcha "medidas que realmente nos axuden".
A caravana estivo convocada por Hoempo e non será a única. A asociación reservou todos os luns do mes de decembro para realizar manifestacións de protesta na cidade de Pontevedra, que, como nas últimas semanas, pasarán ante edificios das administracións local, autonómica e estatal. Non serán as únicas, xa que o venres celébrase outro acto deste tipo, unha marcha que sairá ás 18.00 horas da Praza de España e terminará fronte á Xunta de Galicia en Campolongo. Neste caso organízaa a Plataforma de Afectados pola Covid contra as medidas da Xunta "xa que se tomaron sen pensar nos autónomos e as pequenas empresas". O colectivo fai un chamamento a todos os sectores a sumarse á protesta. Hoempo unirase á mesma.