A hostalería de Pontevedra fai ben os deberes

As autoridades destacan o elevado grao de cumprimento, agás contadas excepcións, das medidas anticovid en bares da cidade
Presencia de la Policía Local en el centro de Pontevedra. DP
photo_camera Presenza da Policía Local no centro de Pontevedra. DP

O aspecto dos establecementos de hostalería de Pontevedra e a súa comarca foi moi distinto ao de etapas anteriores. Se en certos momentos era fácil advertir, e así o denunciaban as autoridades, que os bares non se axustaban aos límites de aforamento impostos pola Xunta de Galicia, na presente desescalada, a situación é ben distinta. Así, e salvando contadas excepcións, son os clientes, e non os hostaleiros, os que obrigaron ás policías Local e Nacional a intervir. En calquera caso, as incidencias, deixando aparte o "desenfreo", como sinalaron testemuñas presenciais, vivido en A Verdura o sábado pola tarde, a situación foi moi tranquila. De feito, os polis de balcón provocaron desprazamentos dos axentes municipais en grao sumo innecesario. Como mostra, unha chamada na tarde do domingo procedente da praia fluvial de Ponte Sampaio na que sinalaban que o areal estaba repleto de xente e sen máscara. Cando chegou a patrulla poucos minutos máis tarde, o espazo estaba completamente baleiro.

A Policía disolve o "desenfreo" da Praza dA Verdura

A fin de semana, que se presentaba de alto risco no que á posible propagación da covid-19 se refire ao confluír dous elementos novos, a reapertura parcial da hostalería e o fenomenal tempo reinante, serviu para que os pontevedreses puidesen tomar algo de osíxeno tras varias semanas de asfixia. A gran maioría deles apostaron por actividades no exterior para gozar do sol, aínda que é certo que o terraceo regresou á Boa Vila.

Para comprobar o cumprimento das medidas que promove a Consellería de Sanidade, a Policía Local realizou numerosas inspeccións a establecementos hostaleiros e a lugares susceptibles de ser punto de reunión de máis persoas das permitidas o venres, o sábado e o domingo. En canto aos bares, o grao de cumprimento foi elevadísimo. Os empresarios apostaron por separar as mesas o suficiente e cominaron aos clientes a que mantivesen as súas máscaras no seu lugar salvo no momento de consumir. Aínda así, os avisos por parte dos xa citados "polis de balcón" repetíronse, polo que a actividade das forzas de seguridade foi elevada: uníronse os plans deseñados previamente ás saídas, moitas delas froito de denuncias sen fundamento, a diferentes puntos.

O momento de maior tensión foi o relatado este domingo por este xornal na Praza da Verdura, onde a mala praxe dalgún dos hostaleiros, que serviu bebidas a persoas sen mesa (o que propiciou botellóns na rúa) uniuse ao exceso de inxesta de alcol por parte de moitos e ás ganas dos mozos de vivir experiencias sociais das que foron privados desde hai meses. Todo iso provocou o desaloxo, que, iso si, desenvolveuse sen incidentes.

Comentarios