A hostalería local recibirá ata oito millóns de euros en axudas da Xunta

A delegada territorial trasladou ás dúas asociacións do sector que os cartos chegarán a 900 empresarios de Pontevedra, Marín e Poio
Reunión coa plataforma de afectados. DP
photo_camera Reunión con Hoempo (arriba) e coa Plataforma de Afectados (abaixo). DP

A delegada territorial da Xunta, Luisa Piñeiro, revelou onte, nunha dobre xuntanza mantida cos representantes da Asociación de Hostalería Hoempo e da Plataforma de Afectados covid-PAC, que as axudas do goberno autonómico aos 900 hostaleiros dados de alta nos municipios de Pontevedra, Marín e Poio oscilarán globalmente entre os 5,8 e os 8 millóns de euros.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, expresou o luns, en Pontevedra, o seu desexo de que as subvencións comencen a pagarse canto antes, "posiblemente ó longo desta semana".

A representante autonómica, acompañada polo subdirector xeral de Emprego, Juan Lirón, explicou ós empresarios que o Plan de Rescate para Autónomos da Xunta, que conta con tres liñas de axudas en dúas ordes -unha das cales xa ten aberta a solicitude e a outra está pendente de publicación no DOG–, outorgará unha contía fixa de entre 6.700 euros e 9.200 euros a cada autónomo que tivera que pechar o seu local, aínda que manteña o servizo a domicilio ou para recoller, nos case 70 concellos con restricións.

Luisa Piñeiro detallou todos os requisitos para acceder a estas compensacións, que ademais foron axilizados ao máximo cunha sinxela tramitación para que as primeiras poidan cobrarse dende o próximo mes de decembro.

E tamén quixo destacar a sensibilidade da Xunta, xa que subíu a contía inicial noutros 5 millóns de euros tras reunirse cos hostaleiros para atender as súas demandas de máis recursos. "Creo que estamos ante un goberno que escoita e que atende á xente, que entende as súas necesidades, que busca solucións ás súas dificultades e que fai propios os seus problemas", significou.

comprensión. Tras recibir o agradecemento do sector polas reunións, a delegada amosoulle a súa comprensión polas dificultades actuais, pero quixo deixar claro que todas as restriccións "adoptáronse con tristeza por eles, pero coa máxima das responsabilidades para protexer a saúde dos cidadáns, preservar a sanidade pública e conter a transmisión do coronavirus".

Finalmente, Luisa Piñeiro recalcou que as axudas que vai outorgar a Xunta aos autónomos en xeral e ao sector hostaleiro en particular son "moi importantes e só hai que ver as cifras millonarias das que estamos a falar para unha bisbarra como a de Pontevedra".

En todo caso, instou ás demais administracións, nomeadamente o Goberno de España e a Deputación Provincial, que se sumen e tamén concedan axudas, "xa que trátase dun problema global que afecta a todos e sobre o que todos temos responsabilidades".

Comentarios