César Mosquera | Vicepresidente da Deputación

"Se houbese eleccións na Deputación non tería ningún medo; mellorou moito nestes catro anos"

A menos dun mes das eleccións xerais e a unhas poucas semanas máis das municipais, o dirixente nacionalista fai balance do mandato que está a piques de rematar e analiza o panorama político en Pontevedra, na súa comarca e na provincia. Sobre o seu propio futuro na Deputación, prefi re ser cauto e dicir o mesmo que Simeone: "Partido a partido"

César Mosquera. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera César Mosquera. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Que foi o mellor e o peor destes catro anos no Goberno provincial?
O mellor, que cumprimos exquisitamente o pacto de Goberno. Pode quedar algunha cousa, como converter o Museo en organismo autónomo, pero iso está en marcha. O peor foi a actitude moi destrutiva do PP.

E que quedou pendente?
Por exemplo, o traslado do Parque de Maquinaria e liberar os espazos da Xunqueira de Alba. Ademais de ser unha operación complicada e de que, ao adicar máis recursos aos concellos, os da Deputación para temas internos quedaron máis limitados, estimamos que non era conveniente xuntar un traslado acelerado co confl ito estritamente político que se xerara arredor do Parque. De todos os xeitos, iso xa está en marcha e non só falamos do propio Parque de Maquinaria, tamén hai máis xente das brigadas.

A idea é trasladalo ao polígono de Barro-Meis?
En principio si. Arquitectura está estudando a figura e a fórmula para facelo.

E agora está solucionado aquel confl ito do Parque de Maquinaria no que tanto incidira CC. OO.?
En Pontevedra hai unha forza que non se presenta ás eleccións pero sempre está actuando electoralmente. Non é que sexa o sindicato como tal, senón que é un grupo de xente vinculada a Elnosa, Ence, á Deputación, ao Concello e demais, que usa a cobertura das siglas dun sindicato e que sempre actúa nas eleccións. A do Parque de Maquinaria foi unha ocasión máis, aínda que o asunto non tiña ningunha substancia. Agora, parte dos traballadores de alí están profundamente arrepentidos de terse prestado a ser unha ferramenta electoral.

Outra das cuestións que quedan pendentes tras este mandato é a transferencia á Xunta de centros que actualmente dependen da Deputación. Parece que este asunto tamén sae á palestra sempre nas campañas electorais, non?
En 1991 houbo un vicepresidente provincial do PP, Bernardo López Abadín, que veu á Deputación cun único cometido, a transferencia de Príncipe Felipe, pero aí segue. Hai unha serie de centros que son competencia clarísima da Xunta pero esta non os quere. Colleu no seu día o que lle pareceu (como o Hospital, os centros de Educación Primaria e Especial de Príncipe Felipe e o centro de FP onde fi xo o Carlos Oroza) e a partir de aí non quere saber nada do resto.

Por que? Por razóns económicas?
Si, claro.

Canto lle custan ao ano todos eses centros á Deputación?
Preto de 20 millóns de euros. Pero incluso economicamente se podería resolver, porque a Deputación lle podería achegar algúns fondos, pero na Xunta non queren e eles saberán por que.

E co Museo de Pontevedra? Recentemente o conselleiro de Cultura propuxo negociar a súa transferencia á Xunta...
É un brindis ao sol. O que hai detrás diso é que o Museo de Pontevedra é posiblemente o máis potente de Galicia e, como eles teñen o Gaiás con moi pouca actividade... Pero o Museo de Pontevedra non pode perder fondos para que vaian ao Gaiás.

O Goberno provincial non está disposto a negociar a súa transferencia á Xunta se non se negocia tamén a dos demais centros?
Non, de ningunha maneira. Iso é absurdo. Estamos dispostos a conveniar coa Xunta. Por exemplo, a Xunta pode poñer cartos no Museo, que non lle pasaría nada. Pero poñernos a negociar non, porque non ten ningún sentido. A nivel de competencias, a única dúbida que pode haber é que este é o museo de referencia para todos os achádegos arqueolóxicos e iso si é competencia da Xunta, pero todo o resto non o é, así que non tería sentido. Pensar en levar ao Gaiás os tesouros de Caldas ou de Agolada ou a obra de Castelao... En fin, supoño que ao conselleiro se lle poñen os dentes longos, pero están no Museo de Pontevedra e nel van seguir.

Preguntáballe por transferir o Museo en si, é dicir, a súa xestión, non os seus fondos.
E que ese último é o único interese que teñen. Bueno, en realidade non teñen ningún interese, senón que todo isto é para montar barullo en período preelectoral. En todo caso, a Deputación está disposta a negociar primeiro sobre os centros que son competencia clarísima da Xunta e despois xa entraremos a falar do Museo, así que, dada a realidade, non vai haber nada.

Tamén sobre o Museo, o proceso iniciado para establecer unha nova dirección está a xerar bastante polémica.
É porque hai un grande interese polo Museo de Pontevedra e hai moita xente que mira todos os pasos con lupa. Por desgraza, non sucede así con outras institucións ou servizos. Arredor do Museo sempre houbo tensións e opinións contraditorias e iso é positivo, porque cando a xente non opina é porque non lle importa. Nisto, nós tomamos a ruta fixada e fomos aplicándoa en canto chegou o momento.

Falaba antes de cuestións que parecen agudizarse cando hai campañas electorais. Cre que o asunto de Ence se está a utilizar politicamente?
Aí hai varios problemas enlazados. O primeiro, que todas as cidades foron desprazando as instalacións industriais e Pontevedra non. O segundo é que parece que hai industrias que son máis importantes que as demais, porque aquí pechou hai uns anos Metalúrxica Rías Baixas, que tiña tantos ou máis traballadores que Ence, e pechou Tafisa, pero parece que Ence é máis importante. E o terceiro é que os traballadores están enganados, e dígoo con todo o respecto e o cariño, pero para o que tiñan que presionar é para que a empresa buscara un emprazamento alnernativo, que tivo tempo de sobra e vaino seguir tendo. Ademais, como se entende que unha empresa ou un capital compre unha fábrica a prezo de saldo porque ten que marchar e de repente se lle regalen os miles de millóns que vale unha prórroga de 60 anos? É iso o que hai que defender?

Outro feito que se produciu nesta precampaña foron as pintadas que apareceron na casa da tenente de alcalde de Pontevedra. Vostede tamén fora vítima de feitos similares en campañas anteriores. A que atribúe estes ataques?
Hai un grupo en Pontevedra que non tolera que os cidadáns voten ao BNG e que sempre actúa nas eleccións. Incluso na cea que fi xemos hai case un ano insultaban á xente que asistía. En todos os períodos electorais aparecen pancartas anónimas, pasquíns, pintadas..., sen pararse en barras, como os vaqueiros do Oeste. A desculpa é cada vez unha distinta ou a mesma. Tanto lles dá. Non sabemos quen son porque sempre actúan a escuras, con tácticas mafi osas e sen reivindicar o que fan.

Como ve o panorama na provincia de cara ás próximas eleccións xerais e municipais?
Aínda que é un erro maiúsculo que sexa así, na Deputación non hai eleccións. Se as houbera non tería ningún medo, porque neste mandato mellorou moitísimo. Con respecto ás municipais e ás xerais? Creo que o PP vaise desfondar e levar un correctivo bastante serio. En 2015 e 2016 pensaron que xa non podían caer máis baixo, pero eu penso que si. Do resto, creo que o BNG está á alza, Marea defraudou profundamente e o PSOE ten unha lixeira tendencia á alza porque normalmente cando ten o Goberno en Madrid adoita ter certo reflexo nos seus resultados electorais.

Con ese escenario, cre que na comarca de Pontevedra o BNG vai ampliar o número de alcaldías e obter máis representación nos gobernos locais e nas corporacións?
Iso depende de mil factores. En Soutomaior, por exemplo, nas últimas tivemos unha porcentaxe de voto igual ou superior que en Barro e en Barro temos a Alcaldía e en Soutomaior non. Non se poden predicir resultados. Pode suceder que nalgún sitio aínda estea demasiado fresco o proceso de viacrucis que atravesou o BNG desde 2007 ata 2013 e que aínda tivo reflexo electoral posterior. De todos os xeitos, iso era algo que había que pasar, porque a xente non acepta ver que mandan moitos e non dirixe ninguén. O BNG pasou anos nos que a sensación que había era esa, como pode habela agora noutras forzas, así que era inevitable pasar ese proceso. Pode que nalgún sitio aínda afecte, pero en xeral son optimista sobre os resultados. Noutras zonas do país imos duplicar ou triplicar, pero na comarca de Pontevedra iso é imposible porque xa estamos moi altos, case empatados a votos co PP no partido xudicial. Aínda así, penso que podemos subir máis.

E no caso concreto do Concello de Pontevedra? Hai uns días a deputada provincial e número tres do Bloque na cidade do Lérez, Eva Vilaverde, dicía que este é un campo labrado e que agora vén o mellor. Vostede, que acumula xa unha longa traxectoria no Goberno local, tamén o cre así?
Si. Nos procesos de cambio urbano primeiro van as actuacións concretas e a transformacion física e despois chega o cambio de mentalidade e de hábitos, o cambio social e a percepción que ten a xente. Aquí iso está feito. E non só no urbanismo. A xente sabe que ten unha grande oferta cultural e colleu o hábito de asistir ás actividades; sabe que está implantada a preferencia peonil e se algún condutor se adica a facer o que non debe é abroncado; sabe que a hostalería en Pontevedra non ten nada que ver coa de hai 25 anos. Hoxe hai un equipamento social que nos permite estar tranquilos, porque quen veña aquí vai marchar encantado. Todo iso non é algo que se cambie de repente. Hai un camiño que fomos andando colectivamente con toda a sociedade pontevedresa e agora chegamos ao alto da montaña. Non quere dicir que de aquí en diante sexa todo moi fácil, pero si que a cousa vai ir máis tendida. Se pode pasar o de morrer de éxito? Ata agora soubemos colectivamente xestionar o que había e estou convencido de que imos seguir facéndoo e sacarlle o máximo aproveitamento. Quen ía dicir que Pontevedra ía ser un referente mundial?

Como cre que se vai reflexar nas urnas pontevedresas todo iso que di e tamén o feito de que o PP concorra cun novo candidato, Rafa Domínguez, ou que se presenten por primeira vez no concello forzas como VOX?
Vaise xogar no seguinte feito: quen vote pensando en Pontevedra e en como se pode xestionar mellor o Concello ou quen vote pensando noutras cousas como ideoloxías sen máis, porque francamente non vexo ningún proxecto alternativo. A maiores, que aparezan novas forzas ou saian outras vellas... Nas eleccións o resultado diso nunca se sabe ata que xa pasaron. Por exemplo, nós no ano 2003 e no 2015 tivemos un número e unha porxentaxe de votos moi parecidos e nunhas sacamos dez concelleiros e noutras doce, porque é algo que depende do reparto. E con respecto a que o PP cambiase de candidato: non transmite substancia e vaise a ideas de hai 50 anos, a copiar o que vén de fóra e xa fracasou ou a facer como que Pontevedra non pode vivir salvo que lle poña a alfombra a Ence. Hai que ter un proxecto e saber o que se trae entre mans, porque con catro ‘chascarrillos’ e dúas expresións que parecen impactantes pero non teñen nada detrás, dá igual que o candidato sexa novo ou vello. Veremos se Jacobo Moreira poderá dicir aquelo de ‘detrás vendrá quien bueno te hará’.

O BNG tamén conta con novidades na súa lista para o Concello de Pontevedra, por exemplo Eva Vilaverde, compañeira súa no Goberno da Deputación.
A compañeira Eva, ademais de ser moi traballadora, ten unha vantaxe: o que toca mellórao. Vese nos centros dos que é delegada na Deputación. Príncipe Felipe era un polvorín, pero foi tomando as decisións que había que tomar, buscando xente que sabía que podía cumprir, e agora ese centro non ten nada que ver co que era hai catro anos. Mellorouno totalmente, e os demais tamén.

Se o BNG volve estar no Goberno da Deputación, a vostede gustaríalle seguir á fronte?
Como di Simeone: partido a partido.

Pero a estas alturas algo terá xa en mente.
Non, e como cada vez que tiven algo en mente saíu o contrario, mellor non telo. Desde logo, estarei sempre para asesorar, axudar, dar ideas, colaborar, elaborar proxectos ou dicir como implantalos e despois veremos en función do que haxa. Se a organización quere botar man dos que estamos aquí ou do que podo achegar, encantado, e se non, tamén.

Comentarios