"A idea era delinquir, pero ninguén quería traballar co Mulo"

Rafael Bugallo negou calquera relación cos 1200 quilos de cocaína interceptados en xaneiro de 2015

Rafael Bugallo, O Mulo, en el juicio. JAVIER CERVERA
photo_camera Rafael Bugallo, O Mulo, no xuízo. JAVIER CERVERA

A segunda sesión da vista oral contra a organización criminal supostamente liderada por Rafael Bugallo Piñeiro, O Mulo, comezou este martes coas comparecencias dos acusados.

O primeiro en intervir foi o presunto líder da rede criminal, que negou calquera relación cos 1200 quilos de cocaína aprehendidos en xaneiro de 2015. Admitiu, iso si, que prestou a radio a un presunto membro do clan do Golfo para comunicarse coa pesqueiro Coral I, que que apresado en alto mar procedente de Sudamérica. "Dixéronme que era para auxiliarlles, porque tiñan problemas".

O Mulo, que está a ser xulgado na Audiencia de Pontevedra xunto con outros 16 presuntos integrantes dunha rede criminal, só respondeu ás preguntas da súa avogada e explicou que aínda que en anteriores xuízos recoñeceu traficar con drogas, neste caso non tivo "nada que ver".

Bugallo Piñeiro engadiu que "en ningún momento" soubo que carga traía o buque en cuestión e explicou que, aínda que quixese participar na descarga, non dispuña da infraestrutura necesaria para facelo.

El Chileno: "Aínda que sexas delincuente, eu creo que tes que ser serio. El (O Mulo) non aparentaba ser serio"

A continuación interveu e Jaime Iván Bolados Geraldo, El Chileno, un dos presuntos socios de Bugallo, que recoñeceu que construíron unha superlancha por orde de Bugallo para introducir droga pero que non puideron usala. "A idea era delinquir pero ninguén quería traballar con O Mulo". "Aínda que sexas delincuente, eu creo que tes que ser serio. El non aparentaba ser serio", asegurou ante o tribunal.

Bolados tamén afirmou que "o que organizaba todo era Bugallo. Ninguén tomaba decisións á parte del".

O xuízo continuará este mércores coa declaración do resto dos acusados. Non terminará, iso si, esta semana, como estaba previsto inicialmente, despois de que o fiscal pedise incluír a declaración de máis persoas que participaron na investigación e novas probas documentais.

O tribunal da sección segunda de Audiencia de Pontevedra optou, ademais, por resolver mediante a sentenza a petición do avogado de O Mulo, que instaba á nulidade dunhas gravacións realizadas no interior dunha furgoneta e que o letrado considera que son anticonstitucionais. Como o fiscal anunciou que non utilizará esas gravacións na vista oral, o tribunal optou por demorar a súa decisión sobre ese asunto e fixar a súa postura na sentenza.