Identificado un home con antecedentes como falso revisor do gas

Chegou a estafar un total de 645 euros en Pontevedra  A Policía recomenda comprobar a acreditación dos técnicos
Falso revisor del gas. DP
photo_camera Falso revisor do gas. DP

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Pontevedra identificaron a un home de 34 anos de idade, con antecedentes policiais, como presunto autor dun delito de estafa, por feitos cometidos no último trimestre do ano 2020 "facéndose pasar por falso revisor do gas".

Así o informa a Policía Nacional, que concreta que este individuo, logo de chamar a diferentes domicilios e concertar unha cita coas vítimas, "acudíase nas vivendas facéndose pasar por revisor oficial das compañías distribuidoras de gas".

Así, concretan as mesmas fontes, conseguía que as vítimas lle permitisen acceder ao domicilio e, tras unha presunta revisión, entregáballes unha factura para que a asinasen os titulares da instalación. Chegou a cobrar cantidades próximas aos 300 euros.

Por mor da denuncia os axentes encargados da investigación, a unidade de Delincuencia Económica e Fiscal-Ciberdelincuencia da brigada provincial de Policía Xudicial iniciou as pescudas para tratar de pescudar a identidade deste individuo que estafou un total de 645 euros.

Por parte da Comisaría Provincial de Pontevedra advirtese á poboación deste tipo de estafas levadas a cabo por certos individuos que "só perseguen o lucro persoal".

RECOMENDACIÓNS. Por iso, a Policía aconsella comprobar antes de abonar algunha cantidade a verdadeira identidade dos supostos técnicos, así como insistir en ver a correspondente acreditación e, sobre todo, non deixar acceder ao interior da vivenda a ninguén "sen ter o absoluto convencemento de que se trata dun verdadeiro técnico e non un individuo que ademais de estafarlles póidalles roubar as súas pertenzas".

Tamén aconsella comunicarse coa empresa subministradora, pero non utilizar o número de teléfono facilitado polo suposto operario, senón que "debe buscalo" cada un mesmo.