lunes. 23.05.2022 |
El tiempo
lunes. 23.05.2022
El tiempo

IES Montecelo e CIFP Carlos Oroza suman tres premios Eduemprende

Mili Marín, María Peón e Sandra Rodríguez, autoras do proxecto Mimasa, do CIFP CARLOS OROZA. CEDIDA
Mili Marín, María Peón e Sandra Rodríguez, autoras do proxecto Mimasa, do CIFP Carlos Oroza.
Os dous institutos pontevedreses copan a metade dos galardonados en Galicia cos proxectos de oito estudantes

Tres de seis. Pontevedra triunfou na última edición dos premios do concurso Eduemprende Idea, o certame anual que, segundo explica a Consellería de Educación, "busca estimular o emprendemento mediante a realización de proxectos empresariais polo alumnado das ensinanzas de Formación Profesional, deportivas ou das artes plásticas e do deseño. O fallo, difundido onte no DOG, deixa seis equipos gañadores, tres deles pertencentes a dous institutos de Pontevedra: o IES Montecelo, con dous galardóns, e o CIFP Carlos Oroza, con un.

Na modalidade A, dirixida a alumnado de grao superior, o primeiro premio foi para o proxecto Fulmar, do IES Montecelo, cuxas autoras son Alba Meis Fernández e Tana Fuentes Padín. O segundo recaeu no CIFP Politécnico de Lugo (Agrolucus) e o terceiro no CIFP Someso da Coruña (Aqualar).

Alba Meis é unha das autoras de Fulmar. Despois de facer o CM de Preimpresión no IES Montecelo, o curso pasado rematou o CS de Deseño e Produción de Artes Gráficas. Nese ámbito ideou este proxecto xunto con Tana Fuentes, tamén estudante de FP. As dúas son grovenses e coñecéronse no club de remo Mecos, por iso o mar está moi presente nas súas vidas. Fulmar, explica, sería unha empresa dedicada á elaboración de "sacos de algodón ecológico y biodegradable" destinados á almacenaxe de mariscos, nun primeiro momento, como pode ser o mexillón das bateas, co obxectivo xeral de "limpiar los océanos", pois estes novos sacos irían substituíndo progresivamente aos actuais de plástico. Fulmar foi tamén o seu traballo de fin de curso (tintas biodegradables, serigrafía...), completado cos coñecementos de Tana Fuentes sobre acuicultura.

Pese a recibir o premio ningunha das dúas rapazas ten previsto, a curto prazo, tratar de facer realidade esta idea, pois actualmente están traballando, pero tampouco descartan volver ao proxecto nun futuro.

PAN E PASTEIS. Na modalidade B, dirixida ao alumnado de ciclo medio, o primeiro premio foi para o CIFP Carlos Oroza, concretamente para o proxecto Mimasa, impulsado por Emilia "Mili" Marín Sousa (Cangas), María Peón Lamas (Campañó) e Sandra Rodríguez Barreiro (Cangas), que bautizaron a idea cun xogo de palabras que xunta as primeiras sílabas dos seus nomes co fondo da cuestión: Mimasa é unha escola de panadería e pastelería para diversos públicos, segundo explica Ana López Ulloa, profesora de Formación e Orientación Laboral (FOL) e da materia Empresa e Iniciativa Emprendedora, na que as tres estudantes realizaron un proxecto de clase -xusto antes do confinamento- que despois se adaptou ás bases do concurso e que agora resultou premiado.

A idea ocorréuselles ao ver que "cada vez hai máis xente interesada en aprender a facer pan e repostería e mesmo elas tres tiveron problemas para entrar á primeira no ciclo medio de Panadería e Pastelería" do Oroza, explica a docente. "Detectouse unha necesidade non cuberta, a xente quere formarse". Así, esta escola ofertaría desde cursos de fin de semana a outros de seis meses ou mesmo especiais de Nadal.

De momento tampouco teñen pensado convertir o proxecto en realidade, aínda que non o descartan nun futuro, pois María e Sandra segue estudiando no mesmo centro, agora o CS de Dirección e Cociña, mentres Mili se incorporou ao mundo laboral.

Nesta mesma categoría o segundo premio foi para o CIFP Manuel Antonio de Vigo (Tolemia) e o terceiro para o IES Montecelo, polo proxecto Camiñando, presentado por Andrea Abal Martínez, José Carlos Rodríguez Danoz e Julián Sevilla Piedras, do CM de Farmacia e Parafarmacia, que xa fora premiado no programa Depoemprende na FP da Deputación.

12.000 euros en premios

O certame, que naceu en 2015 no marco do Plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia (Eduemprende), ten como obxectivo implantar a cultura emprendedora na comunidade educativa. Así, busca dar resposta ás necesidades da sociedade e os cambios na concepción dos procesos de ensino e aprendizaxe, para reforzar os vínculos entre educación, empresa, investigación e innovación, explica a Consellería nun comunicado.

Os galardóns constan de dúas modalidades, A e B, dirixidas ao alumnado de ciclos de grao superior e de grao medio, respectivamente. En ambas as dúas modalidades o primeiro premio será de 3.000 euros, o segundo de 2.000 e o terceiro de 1.000.

As persoas participantes deberon achegar coa solicitude unha ficha dos integrantes do grupo e un proxecto de empresa, así como un resumo executivo e un vídeo do mesmo. A comisión avaliadora tivo en conta, entre outras características, a viabilidade técnica, financeira e comercial dos proxectos presentados, así como a coherencia e o carácter innovador.

IES Montecelo e CIFP Carlos Oroza suman tres premios Eduemprende
comentarios