O IES A Xunqueira I compatibilizará as clases coas obras de rehabilitación integral

Os traballos, que se inician coa acta de reformulo, teñen case cinco meses de prazo e suporán tamén un impulso á eficiencia enerxética nun instituto de 45 anos de antigüidade

Luis López y César Pérez junto al director del IES, personal técnico de la Xunta y de la empresa. GONZALO GARCÍA
photo_camera Luis López y César Pérez junto al director del IES, personal técnico de la Xunta y de la empresa. GONZALO GARCÍA

A UTE formada polas empresas Construcciones Orega Sl e Construcciones Delfín Ferreiro Rodríguez iniciará de inmediato as obras de rehabilitación integral e de eficiencia enerxética no IES A Xunqueira I, no que están matriculados case 700 estudantes. A Consellería de Educación adxudicounas por un importe de 735.981,56 euros e cuxo prazo de execución é de catro meses e medio. O orzamento está distribuído, segundo o contrato, entre 2022 (272.828,36 euros) e 2023 (441.588,94).

A actuación proxectada consistirá na modernización da fachada coa instalación de illamento térmico en cámara de aire e do mesmo material polo seu exterior para os forxados e de zócalos antihumidades. Tamén se substituirán algunhas das carpintarías exteriores, vidros e caixas de persianas. 

Así mesmo, melloraranse elementos construtivos interiores coa montaxe de falsos teitos con paneis acústicos e planas de policarbonato e a renovación dos revestimentos interiores con pintura plástica. 

Finalmente, crearase unha nova aula no espazo dos vestiarios anexos á sala de tecnoloxía, substituirase a iluminación interior con sistemas eficientes e de maior luminosidade e calidez, instalarase un ascensor eléctrico con capacidade para oito persoas para cumprir coas necesidades de accesibilidade e melloraranse por completo os aseos da planta de acceso ao edificio, coas súas correspondentes instalacións, pois vense afectados pola construción do ascensor. 

O delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o xefe territorial de Educación, César Pérez, visitaron este xoves o centro para coñecer ao detalle os plans da obra, xunto a persoal técnico da Consellería e da empresa adxudicataria, ademais do director do propio centro, Enrique Rey

"Estas obras van supoñer melloras fundamentais neste instituto, construído en 1978", explicou López. O illamento da fachada suporá tamén un importante cambio estético. Os traballos iniciaranse, tras asinar a acta de reformulo, "despois dun atraso importante que tivemos da concesión da licenza municipal, de máis dun ano". 

Este encontro tamén serviu para coordinar o inicio dos traballos, que "nunca", salientou, "conlevan ningún sobresalto na docencia, pero ás veces hai que facer pequenos axustes a efectos de mudar o alumnado de aula". Hai dous espazos dispostos para ir rotando o estudiantado afectado. Os prazos, "duns cinco meses", poderían verse afectados "en función do tempo ou da subministración dos materiais". O plan implica aproveitar o tempo ao máximo, sobre todo o horario vespertino e os períodos vacacionais. 

O director do centro aplaudiu o inminente inicio dos traballos, que servirán tamén para adaptar espazos de cara a potenciar novas pedagoxías, caso do Polo creativo. A dotación de ascensor será fundamental, pois agora mesmo se algún alumno sofre problemas de mobilidade "dificúltanos moito a organización". Destacou tamén a mellora da eficiencia enerxética. "Que o alumnado vexa que cunha intervención arquitectónica pode haber un menor gasto enerxético supón tamén algo formativo". 

CEIP A Xunqueira 1 

Pérez Ares apuntou tamén que en breve visitará o colexio homónimo, o CEIP A Xunqueira I, no que "en calquera momento" iniciaranse os traballos de instalación dun ascensor, adxudicados á empresa Coto Estudos e Construcciones SL por un importe de 163.350 euros á segunda, pois a primeira licitación quedou deserta. O prazo é de cinco meses e medio tras a acta de reformulo. 

A outra grande obra pendente, valorada en 4,7 millóns de euros, é a rehabilitación integral do IES Valle Inclán. Precisamente este xoves reuníase a mesa de contratación para analizar as ofertas recibidas. "Presentáronse varias empresas", apuntou Pérez Ares.

O cambio de cuberta do CIFP A Xunqueira terá que esperar ao verán

A intensa actividade lectiva que rexistra diariamente o CIFP A Xunqueira, con clases desde primeira hora ata as once da noite, fai inviable que as obras do cambio de cuberta, xa adxudicadas, comocen antes das vacacións de verán, segundo apuntou Pérez Ares. A actuación está orzada en 449.515,93 euros e o prazo de execución é de catro meses. Foi adxudicada á empresa Cíes Obra Civil. 

A pesar de que o centro ten ata "seis volumetrías claramente diferenciadas" unidas por soportais, as obras limítanse a catro destas edificacións que actualmente teñen tella cerámica. Retiraranse tamén as placas de fibrocemento con amianto e colocaranse novas cubertas con panel sándwich de chapa de aceiro e interior de poliuretano, así como illamento térmico.

Comentarios