"Impacta moito ser guiado por alguén"

► O CRE da Once recibe a un grupo de universitarios nas súas xornadas de portas abertas polas que pasarán 600 estudantes
Una de las técnicas muestra materiales educativos para escolares con ceguera. DAVID FREIRE
photo_camera Una de las técnicas muestra materiales educativos para escolares con ceguera. DAVID FREIRE

"Impacta moito levar o antifaz e ser guiado por alguén. Nunca traballaramos algo así e vén ben, en clase non vemos nada tan práctico". Miguel Encisa, estudante de primeiro de Educación Primaria na Escola Universitaria de Maxisterio CEU Vigo, pon en palabras o sentir dos seus compañeiros, que este martes participaron nas visitas guiadas que o Centro de Recursos Educativos (CRE) da Once está a realizar esta semana e pola que pasarán 600 estudantes de todas as idades, desde 1º de Primaria á Universidade pasando por FP.

Esta actividade ten como finalidade que nenos e novos, especialmente se teñen algún compañeiro ou compañeira con discapacidade visual, poidan vivir as sensacións e experiencias diarias coas que conviven e, así, coñecer cales son as súas dificultades, como as superan, así como tomar conciencia do modelo solidario do Grupo Social Once e poder levalo a cabo.

(_G8A1724.JPG)  CRE dá ONCE Alumnado de Pontevedra e Vigo vivira as mesmas sensacións e experiencias das persoas cegas do luns 13 ao venres 17 de marzo de 10 00 a 13 00 horas en Luís Braille numero 4012985
Os mozos tratan de adiviñar os obxectos só co tacto. DAVID FREIRE

A través de diferentes actividades coñecen o traballo que realiza a organización, co obxectivo de facilitar ao alumnado con cegueira ou discapacidade visual a súa plena inclusión educativa, mostrándolles os diferentes servizos e recursos que lles ofrece a organización, como o Servizo de Adaptación de Recursos Didácticos e Tecnolóxicos (onde se realiza todo o proceso de adaptación de libros a braille), taller de técnica-guía, taller de lectoescritura braille, aula de tiflotecnología, material didáctico específico para persoas cegas, incluídas maquetas, etcétera.

Divididos en dous grupos, os 80 futuros docentes puxéronse o antifaz para meterse na pel dun alumno con cegueira ou deficiencia visual e coñeceron materiais de estudo como mapas en relevo, reproducións do corpo humano ou de elementos arquitectónicos, así como de xoguetes (parchís, barallas, tres en raia...). 

Viron tamén aparellos como as liñas braille, que converten en accesibles móbiles e tablets para persoas sordociegas -se só son invidentes poden utilizar as aplicacións do propio teléfono, que len a pantalla-, ou impresoras especiais. Material que a Once deixa en préstamo a quen o necesita, pois se trata de elementos moi custosos, de ata 3.000 euros.

20230314_Dfreire_030
Por parellas realizaron paseos guiados. DAVID FREIRE

Os mozos tamén probaron a escribir braille en máquinas Perkins logo de descubrir este particular alfabeto de seis puntos (oito se é braille computerizado), entre outras actividades.

A xornada é similar para todas as idades, aínda que se adaptan algúns detalles, como os paseos guiados con antifaz, que os máis pequenos realizan polos corredores e os maiores por escaleiras. Outros centros que coñecerán as instalacións son CPR Calasancio ou o CIFP A Xunqueira -este luns estiveron o CEP Campolongo e o CEIP Sequelo de Marín-, así como outros chegados desde toda a provincia, como o CIFP Fermín Bouza Brey e o CEIP A Escardia, de Vilagarcía de Arousa, ou o CEIP Plurilingüe Conmeniño do Grove, ou doutras lareiras, como o CEIP Plurilingüe de Abanqueiro (Boiro, A Coruña).

Comentarios