O novo edificio de Benito Corbal inicia a súa "segunda vida"

Feijóo inaugura a rehabilitación da antiga sede da Xunta

Decenas de autoridades asistiron na mañá deste luns á inauguración do edificio de Benito Corbal, rehabilitado pola Xunta de Galicia cun orzamento de algo máis de 4,3 millóns de euros. O presidente do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, encabezou a comitiva, xunto ao vicepresidente da Administración autonómica, Alfonso Rueda e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

Os asistentes realizaron unha breve visita polas instalacións, que serán destinadas aos servizos de Emprego das administracións autonómica e estatal, a Universidade de Vigo e a preto de 20 asociacións da cidade.

A valoración xeral foi positiva e compartida polos portavoces institucionais. Feijóo encomiou o resultado do proxecto, ao considerar que outorga ao inmoble "unha segunda vida, que seguramente será moi longa". "É un edificio ad hoc para a cidade, moderno, accesible e versátil", subliñou o popular.

O alcalde da capital, Miguel Anxo Fernández Lores, dixo sentirse "moi contento e satisfeito" coa inauguración do edificio, dada a súa anterior "situación de deterioración". "Agora terá diferentes usos", recordou durante o acto.

Pola súa banda, Rueda puxo o acento na "transformación espectacular" do inmoble, situado "nun lugar emblemático, en pleno centro de Pontevedra".

A reforma abarcou a rehabilitación de 5.800 metros cadrados, executada pola UTE Acciona e Construcións Ramírez.

O próximo paso será a firma dun convenio entre a Xunta e a Universidade para o uso do espazo que será cedido á institución universitaria, así como o proceso de concesión dos espazos reservados para asociacións e veciños.

O emblemático edificio foi construído fai máis de 30 anos e durante os últimos dez atopábase totalmente en desuso.

Comentarios