A Inspección fai fixos 1.228 empregos temporais fraudulentos na provincia

A campaña ten pendente a regularización doutros 614 contratos que deben pasar de eventuais a indefinidos
Un operario en una obra en Pontevedra. A. SOTELO
photo_camera Un operario nunha obra en Pontevedra. A. SOTELO

A última campaña posta en marcha pola Inspección de Traballo para perseguir a fraude na contratación deu os seus primeiros froitos. A iniciativa, na que colaborou a Xunta, detectou 1.842 empregos temporais que non cumprían a Lei a nivel provincial. Deles, 1.228 foron transformados xa en indefinidos na primeira fase deste plan de choque, é dicir, o 66,7%.

Os datos facilitados este venres pola Consellería de Emprego revelan tamén que aínda quedan pendentes de regularización outros 617 traballos nas Rías Baixas. As mesmas fontes sinalan que Pontevedra é a segunda provincia galega con máis casos de fraude laboral logo da Coruña. 

A Autoridade laboral detectou 1.842 traballos en situación irregular en empresas das Rías Baixas. O 66,7% deles xa foron regularizados 

O novo plan de choque contra o uso fraudulento da temporalidade no mercado laboral púxose en marcha o pasado mes de febreiro. Nese momento enviáronse cartas a distintas empresas de Galicia para informarlles de que debían regularizar a situación dos seus empregados. Na segunda parte da campaña, a Inspección as firmas que fagan caso omiso ás advertencias poderán ser obxecto de sanción.

Esta non é a primeira actuación da Autoridade laboral sobre o mercado de traballo irregular. No seu último informe, correspondente co exercicio de 2019, achou 3.336 empregos de carácter temporal que non cumprían cos requisitos legais na provincia de Pontevedra. Foi a segunda cifra máis alta desde que hai datos. Todos estes contratos, dos cales 1.854 afectaban a mulleres e 1.482 a homes, transformáronse en fixos.

O máximo histórico de traballos eventuais convertidos en indefinidos nas Rías Baixas produciuse en 2018, cando se destaparon 4.252 empregos que non cumprían coa Lei.

Pontevedra foi a segunda provincia galega con máis casos de fraude de contratos temporais logo da Coruña

O TRABALLO EN NEGRO. A economía mergullada segue estando moi presente no tecido laboral de Pontevedra, que lidera o ranking de emprego en negro de Galicia segundo os datos de 2019. O organismo estatal fixo aflorar máis de 2,9 millóns de euros procedentes de actividades económicas non declaradas, o que supón un 3,3% máis que durante o exercicio anterior.

A fraude para non pagar impostos levou á Autoridade laboral a realizar 14.144 inspeccións nas Rías Baixas, o que equivale case á metade das 30.882 levadas a cabo no resto da comunidade.

ALGÚNS EXEMPLOS DE FRAUDE
► Contratos de obra ou servizo en vigor desde fai 48 meses.
► Encadear dous ou máis contratos temporais nunha mesma empresa por un período superior a 24 meses nun período de 30 meses.
► Contratos eventuais por circunstancias da produción con duración superior a 12 meses.
 Encadear dous ou máis contratos temporais por un período superior a 24 meses nos últimos 30 meses con alta en empresa de traballo temporal.

Comentarios