Investigados dous xerentes do CHOP por malversación tras a denuncia de CESM

O sindicato médico acúsaos de malversación por duplicar os servizos de comunicación

Urgencias del CHOP. DAVID FREIRE
photo_camera Urxencias do CHOP. DAVID FREIRE

O xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra incoou dilixencias previas por mor da denuncia presentada en maio de 2018 polo sindicato médico CESM Galicia contra os xerentes da EOXI Pontevedra-O Salnés José Manuel González Álvarez e José Ramón Gómez Fernández, por un suposto delito de malversación de fondos, ao duplicar os servizos de comunicación do Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP). 

Segundo informou CESM nun comunicado, a autoridade xudicial considera que, "de ser acreditados, os feitos descritos na denuncia poderían constituír un delito de malversación ou prevaricación" polo que, engade o sindicato, "no caso de que o requirimento da entrega da documentación referente a estes procedementos de adxudicación sexa atendida inmediatamente polos responsables da súa custodia, procederase a entrada e rexistro das instalacións da EOXI Pontevedra-Salnés nas que puidese atopase a citada documentación". "O rexistro realizaríase con auxilio policial", segundo expón CESM en relación co auto xudicial. 

O xulgado require a documentación referente aos catro procedementos negociados e a calquera outro procedemento que afecte " continuidade, modulación ou prórroga dos servizos do contrato de 'Servizo de xestión integral da comunicación corporativa', co fin de coñecer o alcance exacto das adxudicacións", destaca CESM. 

Os feitos denunciados relatan que entre os anos 2009 e 2018, sendo xerentes da EOXI Pontevedra-Salnés José Manuel González Álvarez e José Ramón Gómez Fernández, "adxudicouse mediante procedemento negociado a sendas empresas privadas o 'Servizo de xestión integral da comunicación corporativa do CHOP', cando xa existía un gabinete de comunicación propio do complexo hospitalario cun xornalista á fronte e coa súa praza en propiedade no Sergas como técnico do Grupo A ,"expón CESM. 

"Estas empresas externas realizarían o mesmo traballo que o gabinete de comunicación, polo que se estarían incumprindo as normas administrativas sobre contratación", destaca o sindicato médico.

"Malversación de diñeiro público"
CESM Galicia entende que houbo unha "malversación de diñeiro público, ao subcontratar e gastar innecesariamente preto de 300.000 euros en sendas empresas privadas para a prestación dun servizo de comunicación, cando a propia Administración xa dispón dun gabinete de comunicación propio desde fai máis de 20 anos", para prestar este servizo, "con persoal funcionario/estatutario", matiza. 

Así, o sindicato médico considera, ademais, que se vulnerou a Lei de Contratos do Sector Público xa que ningún dos procedementos para as contratacións cumpriu os principios de transparencia, libre concorrencia, equidade e competitividade, imperativos en calquera acto de contratación pública". "Estas contratacións obedecen unicamente a un trato de favor cara a unha persoa afín ao partido político do xerente, para así controlar as actividades de propaganda", conclúe CESM. 

Comentarios