Investigan unha presunta agresión sexual ocorrida nun portal cerca do CGTD

Unha moza de 19 anos denuncia que dous mozos trataron de violala nun portal, chegando a sacarlle a roupa interior

Centro de Tecnificación Deportiva. DP
photo_camera Centro de Tecnificación Deportiva. DP

A Unidade de Familia e Muller (UFAM) da Comisaría Provincial de Pontevedra investiga unha suposta agresión sexual que tería lugar na madrugada do venres nas inmediacións do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD).

A presunta vítima, de 19 anos de idade, fixo público o que lle sucedeu na rede social Instagram, ademais de presentar a preceptiva denuncia na Policía Nacional.

Ao parecer, segundo o relato da muller, os autores foron dous individuos que a asaltaron no interior dun portal e intentaron agredila, chegando a sacarlle a roupa interior pero non conseguindo o seu propósito debido á resistencia que lles opuxo.

Os investigadores da Comisaría Provincial seguen a pista de dous mozos como presuntos autores do sucedido, aínda que non contan aínda cos datos suficientes como para poder identificalos e detelos. Ao parecer, os sospeitosos cometeron o crime co rostro tapado para evitar ser descubertos.

Na citada conta de Instagram, a vítima explica que os asaltantes a colleron, forzárona e golpeárona.

Comentarios