A historia de Isolina Villaverde, veciña de Mourente, escóitase este mércores en Bruxelas. A encargada de contalo é súa neta María Lores, ante o Grupo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo. Isolina Villaverde Cendón, segundo recolleu a investigadora e xornalista Montse Fajardo no seu traballo Do gris ao violeta, quedou viúva e con tres fillos o 23 de agosto de 1936. O seu home, o canteiro e sindicalista da UXT Aurelio Torres, O Pacheco, foi delatado pola mesma veciña que o agochaba e o seu cadáver apareceu de madrugada, mutilado, en Carabelos.
'A voz silenciada das mulleres'
"Falarei da miña avoa brevemente, porque a miña intervención estará centrada na memoria das mulleres, de todas elas"
"Falarei de Isolina brevemente, para presentarme, para explicar por que estou eu aí, pero a miña intervención estará centrada na memoria das mulleres represalidas, de todas elas", explicou na previa María Lores. "Non podo repasar cada biografía, porque serían milleiros e milleiros delas. Tratarei de falar no nome de todas".
A voz silenciada das mulleres é o título da intervención de María Lores. Franquismo post Franco, o da xornada que o Grupo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo –no que está integrado o Bloque Nacionalista Galego (BNG)– organizou para este mércores na Eurocámara e no que interveñen, ademais de Lores, como representante dunha familia represaliada pola ditadura, membros de colectivos como a Asociación de Niños Robados ou a Coordinadora estatal de apoyo a la querella argentina contra crímenes del franquismo (Ceaqua).
"Imos participar nunha xornada ante os distintos partidos políticos que están nese grupo de memoria do Parlamento Europeo", explica a pontevedresa. "Imos dende Galicia, dende Asturias, dende distintas partes de España e dende distintos colectivos, para seguir dándolle voz ás vítimas". O obxectivo final, segundo di, é seguir presionando a nivel internacional con distintas iniciativas para que se investiguen os crimes do franquismo.
"Do que se trata é de axudar a que se investigue o que pasou, a que se anulen as sentenzas, a que se presione dende o ámbito internacional ao Estado Español para que se faga xustiza", remata.
Tamén viaxarán a Bruxelas os investigadores galegos Carlos Babío (autor da obra Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio, que serviu de base para a demanda presentada pola Avogacía do Estado co fin de reverter o Pazo de Meirás ao patrimonio público) e Manuel Monge (autor da obra Os Borbóns: unha monarquía escandalosa. A herdanza do franquismo), así como Miguel Ángel Gómez e Rosa García, representantes das persoas que acusan de torturas ao policía franquista Antonio González Pacheco, coñecido como Billy el Niño.
"Como demócratas temos a obriga de frear o avance do fascismo no Estado español e en Europa e dar cumprimento á resolución aprobada hai un ano na Eurocámara e prohibir as fundacións vinculadas ao franquismo", destacaba voceira do BNG en Europa, Ana Miranda, unha das impulsoras desta xornada e coautora desa resolución á que se refire, en palabras recollidas pola axencia Europa Press.
"O testemuño destas persoas daranos unha visión ampla do terror que exerceu o franquismo desde os seus inicios", explica.