domingo. 17.11.2019 |
El tiempo
domingo. 17.11.2019
El tiempo

Isolino Torres tamén estivo preso nos campos nazis

Un dos documentos sobre a estancia de Torres no campo de concentración. INTERNATIONAL TRACING SERVICE (ITS)
Un dos documentos sobre a estancia de Torres no campo de concentración. INTERNATIONAL TRACING SERVICE (ITS)
O historiador Xosé Álvarez Castro atopa outro pontevedrés nas listas de vítimas do Holocausto ▶Era de Alba e faleceu en Buchenwald aos 36 anos ▶ Nada se sabe sobre a súa actividade política previa

Era de Alba, naceu o 19 de xaneiro de 1909 e, aos 36 anos faleceu en Buchenwald, un campo de concentración situado preto da cidade de Weimar. Isolino Torres incorpórase á lista de pontevedreses vítimas do Holocausto grazas á investigación levada a cabo polo historiador Xosé Álvarez Castro, que publicou esta mesma semana no seu blog Pontevedra nos anos do medo os datos que se coñecen do pontevedrés.

Un dos documentos sobre a estancia de Torres no campo de concentración. INTERNATIONAL TRACING SERVICE (ITS)Tal e como puido averiguar o historiador a partir da documentación que ten pendurada na rede do International Tracing Service (ITS) –organismo alemán adicado a recopilar as biografías das vítimas do Holocausto–, o pontevedrés foi detido o 17 de xuño de 1944 en Berlín e, posteriormente, foi enviado preso ao campo de concentración próximo Sachsenhausen, onde os presos eran utilizados para realizar traballos forzados en fábricas de armas e de ladrillos. "Hai moitas preguntas no aire sobre a súa detención, como cal era a súa actividade política previa ou qué facía un pontevedrés en Berlín en 1944", plantexa Álvarez Castro, que non atopou rexistros da súa filiación ou de calquera actividade política en Pontevedra.

Que fose detido en Berlín non concorda co periplo dos demais españois que fuxiron exiliados a campos de refuxiados de Francia tras a derrota do bando republicano e, unha vez alí, se enrolaron na loita antifascista na Segunda Guerra Mundial. "O que si está claro é que foi un preso político, se non o fose non acabaría nun campo de concentración. Como mínimo, tivo que ser considerado desafecto".

O Concello de Pontevedra homenaxeou en abril aos pontevedreses vítimas do nazismo, entre os que non constaba Isolino Torres

O ITS recolle documentos dixitalizados que achegan algún dato sobre a biografía de Isolino Torres. Por exemplo, aparece que era fillo de Domingo e Fernanda, "aínda que noutros documentos pon que a súa nai se chamaba Beniña, que pode ser Benita ou Benigna", e que tiña un irmán chamado Julián Torres. Nunha das fichas de preso aparece como profesión a de albanel e sinálase un enderezo familiar no número 33 da rúa Santa Clara de Pontevedra.

Dende a detención de Torres ata o seu falecemento pasou pouco tempo. En menos dun ano, o de Alba foi transferido dende o campo de Sachsenhausen a Buchenwald, preto de Weimar, para falecer menos dun mes despois, en febreiro de 1945, aos 36 anos de idade. "Na documentación que consultei sinálase como motivo da morte unha meninxite, pero hai que ter en conta que no campo de Buchenwald levábanse a cabo experimentos pseudocientíficos con presos que consistían en inocularlles virus ou bacterias para experimentar cos seus corpos, todo o que se poida dicir sobre a vida deste home son conxeturas que hai que comprobar, pero o certo é que nese campo levábanse a cabo estas prácticas terribles", explicaba onte Álvarez Castro.

Atopar á familia de Torres é agora unha das formas de acabar de trazar os detalles da súa biografía para recompoñela e responder ás preguntas que aínda non teñen resposta. O seu nome saíu á luz despois de que a universidade Rovira Virgili de Tarragona achegase unha lista de presos españois para completar o listado oficial publicado polo Goberno de España. Dita publicación rexistrouse no Boletín Oficial del Estado o pasado mes de agosto e nela aparecen máis de 4.000 nomes de españois que foron recluidos en campos de concentración.

"Ese listado é incompleto, non aparece, por exemplo, o nome de Urbano Sanmartín, un pontevedrés represaliado cuxo caso está sobradamente documentado, e non aparecía tampouco o nome de Isolino Torres", conta Álvarez Castro. Foi a universidade catalana a que achegou este novo nome e outros máis que figuraban entres os seus arquivos pero non se incluían na listaxe do BOE.

O traslado de Isolino Torres ao campo de Buchenwald tivo lugar o 2 de febreiro de 1945. Isolino Torres faleceu só unhas semanas despois. A súa captura por parte dos nazis producírase só oito meses antes da súa morte. Esa era a esperanza de vida de quen entraba nun campo de concentración nazi. Foi o preso número 86562.

Os pontevedreses homenaxeados polo Concello
Isolino Torres vén ampliar unha lista de vítimas pontevedresas da barbarie nazi, que bateu tamén nas vidas de veciños da Boa Vila.

A día de hoxe pódese falar de oito pontevedreses en campos nazis, contando tamén a Isolino Torres. Os que xa se coñecían de antes foron homenaxeados o pasado mes de abril nun acto do Concello a través do programa A memoria das mulleres.

Antonio Gómez Torres
Faleceu en Gusen en febreiro de 1945.

Manuel Coto Martínez
Era de Marcón e faleceu tamén en Gusen en xuño de 1943.

Claudio Tizón Vázquez
Foi preso en Mathausen, onde faleceu en 1942.

Urbano Sanmartín
Faleceu en Gusen en novembro do 1941.

Manuel Pérez Taboada
Sobreviviu ao campo de Neuengamme. Era de Xeve e viviu o resto da súa vida en París. Nunca volveu a España.

Macario Cortegoso
Foi liberado de Gusen en maio de 1945.

Ramón García Martínez
Era almeriense e casou en Campañó antes de pasar polos campos.

Isolino Torres tamén estivo preso nos campos nazis
Comentarios