Jorge Soto: "Xa temos cubertas o 91% das prazas que ofertamos no campus"

O vicerreitor do campus de Pontevedra rematou o seu primeiro curso co intenso debate sobre a implantación do novo grao en Deseño e Creación, que defende sen paliativos.
OUBIÑA (( con Sara Vila )) Casa das Campás. Entrevista co vicerreitor do Campus de Pontevedra, Jorge Soto.
photo_camera Jorge Soto. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Xusto antes de iniciar as súas vacacións de dez días durante o parón da Universidade en agosto, Jorge Soto fai balance do seu primeiro curso como vicerreitor do campus de Pontevedra e avanza retos e proxectos para o seguinte, que comenzará o 11 de setembro.

Segundo os datos da CIUG, cinco das dez titulacións do campus xa teñen as súas prazas pechadas.
Seis, xa son seis: Ciencias da Actividade Física e do Deporte, Educación Infantil, Educación Primaria, Comunicación Audiovisual, Publicidade e RR PP e Belas Artes. E as demais non van mal. Agora mesmo estamos de primeiros en ocupación dos tres campus da UVigo. De 715 prazas que ofertamos xa están cubertas 654. Estou tranquilo.

Cal é a situación das que adoitan ter menos demanda, como Enxeñería Forestal ou Dirección e Xestión Pública?
Van bastante ben. DXP ten un 72% de matrícula na modalidade presencial e penso que Forestais pode superar a matrícula do ano pasado. Neste sentido, o plantexamento de traballar de forma interuniversitaria coa titulación semellante do campus de Lugo axudará a acadar mellores resultados. Hai que poñer en valor o traballo do seu director, Juan Picos.

Belas Artes foi, precisamente, o epicentro da polémica durante o mes de xullo. Finalmente o Consello de Goberno da UVigo aprobou seguir adiante coa implantación da nova titulación de Deseño e Creación no campus.
Votouse iniciar o expediente para crear unha nova facultade que terá o grao de Deseño e Creación e o mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda (antigo Esdemga). Digamos que se abre a carpeta. Logo remitirase ao Consello Social para o seu informe, xa en setembro, ao Claustro universitario, de novo ao Consello, á Xunta, ao Consello Galego de Universidades e, finalmente de novo á Xunta ata que se publique no DOG. Estamos traballando moito para que saia adiante.

Mantense a data de inicio no curso 2020-2021?
Si.

A nova facultade estará fisicamente no edificio de Belas Artes?
Estase traballando neste tema.

Ese é un dos asuntos que se modificarán na memoria? 
Modificaranse poucas cousas. Está bastante completa, está aprobada e vai adiante.

Ademais da oposición dun sector de Belas Artes á creación da nova titulación, tamén saíu á palestra a Rede de Escolas de Arte e Superiores de Deseño (que agrupa a centros de Ourense, A Coruña Lugo e Santiago) esixindo respecto á Universidade polos seus estudos, xa que son equivalentes a un grao. Ignorou a UVigo esta oferta educativa ao dicir que en Galicia non existía Deseño e Creación?
Nós non queremos crear polémica con ninguén. Temos que poñer en valor estas escolas porque están facendo un traballo excepcional. Pero dentro do mapa de titulacións púidose apostar por un grao novo. Apostamos pola cidade e o campus. Saíu adiante con certos atrancos, con postas en común de aspectos que parcían insalvables penso que a xente recoñece a importancia deste grao para a cidade. Non vexo ningunha polémica.

As escolas de deseño están facendo un traballo excepcional, pero no campus puidemos apostar por un grao novo»

Hai sitio para todos?
Absolutamente. Non lles quero quitar nin un chisco de recoñecemento a estas escolas. Traballamos todos pola cultura, a ciencia, o coñecemento.

Despois deste mes de tanto movemento en torno a esta titulación, que sensación lle queda?
Pódese resumir nunha sensación moi positiva. Serviu para facer debate, algo que está no ADN da Universidade. Foron meses de debate, de poñer sobre a mesa distintas opinións, pero o equipo de goberno ten que ver o conxunto, as posibilidades de agrandar o campus e a súa oferta académica. Non hai que ir moi lonxe para que ver que outras universidades querían esta titulación pero xa. Iso demostra a importancia que ten para Pontevedra que conseguiramos reter aquí este novo grao. O tempo daranos a razón.

Unha vez que se implante Deseño e Creación, confirmarase que Belas Artes manterá as súas 130 prazas en primeiro curso ou reduciranse como tiña establecido a Xunta?
Evidentemente as 45 prazas que se recorten no primeiro ano -as mesmas coas que botará a andar o novo grao- recuperaranse ao curso a seguinte. Hai datos que nos indican que iso vai ser así. Nese sentido estamos tranquilos. Belas Artes é unha facultade moi importante para a cidade. É historia da Universidade en Pontevedra. Téñoa moi presente. Queremos seguir fortalecéndoa.

Que proxectos teñen en marcha para o vindeiro curso?
A verdade é que este ano foi verdadeiramente prolixo en actividades: obradoiros, cursos, conferencias, premios... Reforzouse o programa de doutoramento, tivemos investigadores e alumnos en varios países co proxecto Lapassion, a Semana da Creatividade e a Innovación, ciclos de cine, exposicións... Unha das cousas máis importantes foi a contratación dun técnico de I+D+i, xa que agora estamos co proceso de acreditación da especialización do campus, un traballo moi complexo. Tamén estamos na búsqueda de convocatorias de proxectos a nivel internacional. Así mesmo constituímos a comisión técnica do CREA S2i para fortalecer a política de Campus Crea. E o Green Campus non pode ir mellor. É unha referencia en España polas medidas que estamos levando a cabo e queremos ampliar.

En que sentido?
Hai cousas prioritarias. O campus é un pulmón moi importante para Pontevedra, académico, social, cultural. Temos que apostar pola ecoloxía urbana e a sostibilidade. A bandeira verde non é do campus, é de Pontevedra. De aí a súa importancia para a cidade. Queremos poñer en valor todo isto, nacional e internacionalmente, crear contactos con investigadores e a nivel social para que veñan a Pontevedra. Tamén queremos fomentar o traballo cos decanatos, como no caso do 25 aniversario da Facultade de Ciencias Sociais, e estamos levando a cabo un programa de mellora en todos os centros de cara a setembro.

A UVigo é un dos piares principais do Pont Up Store. Seguirán traballando nesta liña?
Queremos incrementar a relación coa pequena e mediana empresa de Pontevedra. É importantísimo para nós todo o que ten que ver co emprendemento, por iso apoiamos o Pont Up Store e todo o que ten que ver coas saídas profesionais do estudantado. Tamén quero dar un paso máis. Este foi un ano de facerse cos mandos, moi intenso, e o segundo ten que ser de proxectos, que se materialicen moitos deles.

"Queremos que aumente a matrícula no Programa Universitario de Maiores"
O ciclo de maiores tamén figura nos plans da Vicerreitoría. "Van ser unhas materias moi atractivas para que os maiores poidan achegarse á Universidade".

Cal é o obxectivo respecto ao Programa Universitario de Maiores?
Queremos que aumente a matrícula, que a xente de Pontevedra aprenda e se divirta con nós. Unha persoa con 55 anos xa se pode matricular. A xente que participa ten unha actitude cara a vida e unhas ganas de aprender excepcionais. Decide rachar coa súa zona de confort e estudar na Universidade. É moito valor engadido, queremos a súa experiencia, xa que achega moitísimo.

A UVigo ocupará tres andares no edificio da Xunta en Benito Corbal. Como se organizarán?
Si, son tres plantas: quinta, sexta e sétima. Temos que asinar o convenio coa Xunta, xa moi perfilado. Penso que este asunto se activará en setembro para poder empezar a traballar. O principal é que o espazo de Benito Corbal sexa universitario, social e educativo, un espazo para a cidadanía.

Comentarios