José Andrade, un pontevedrés entre os dez homes máis guapos de España

Termina Míster International Spain 2020 entre os primeiros clasificados e gaña o primeiro premio en traxe rexional

 

PRAIA FLUVIAL: fotos divertidas de Mister Pontevedra, Jose Andrade, na praia e na auga ULTIMA
photo_camera Andrade, onte, na praia fluvial do Lérez, coa banda de Míster. BEATRIZ CÍSCAR

É un dos dez mozos máis guapos de España, segundo o certame Míster International Spain (o actual Míster España). E é de Cerponzóns. José Andrade Portabales (Pontevedra, 1991), acaba de volver de Oropesa de Mar (Castelló) convertido nun dos dez primeiros clasificados do concurso de beleza masculina e gañador na categoría de desfile en traxe rexional. "Foi un orgullo representar á provincia e foi un orgullo que me premiasen na pasarela co traxe tradicional porque era realmente precioso". Prestáronllo e ensináronlle a poñelo, "que non era fácil", na agrupación O Souto de Rubiáns (Vilagarcía). "Participar no certame foi unha experiencia moi bonita, que me abriu a posibilidade de probar cousas no mundo da moda e a publicidade. Estou realmente moi contento".

Andrade: "Foi un orgullo representar á provincia"

PRAIA FLUVIAL: fotos divertidas de Míster Pontevedra, Jose Andrade, na praia e na auga ULTIMA
Andrade na praia fluvial do Lérez. BEATRIZ CÍSCAR

Taekwondista recoñecido agora centrado na práctica dunha arte marcial, o jiu-jitsu, vegano, José Andrade estudaba Dereito na UNED e un máster en nutrición e adestramento persoal, mentres era camareiro no restaurante dos seus pais, cando, a finais do ano pasado, a organización de Míster International Spain contactounoa través das súas redes sociais para proporlle representar a Pontevedra no certame. Nunca antes participara nun concurso deste tipo nin traballara no mundo da moda. E xusto antes de viaxar a Castelló mostrábase prudente respecto diso. "Gústame ir paso a paso. Se as cousas van ben e xorde algo nese sentido, pensareino", dicía en abril. Agora recoñece que o paso polo certame serviulle para gañar confianza neses ámbitos nos que quere probar sorte. "Do que se trata é de aproveitar o momento".

Da experiencia en Míster International Spain queda co compañeirismo que se crea. "Entramos todos como representantes das distintas provincias e saímos como amigos", conta sobre o que foi o mellor do certame. O peor: a tensión. "Sentías unha presión tremenda por chegar a tempo. O día arrincaba ás sete da mañá e xa non parabamos de correr: adestramento, almorzo, compromisos... E todo seguindo as medidas de seguridade pola Covid-19, coas que foron moi estritos".

José Andrade : "Pero a beleza é algo subxectivo. Eu non son o home máis guapo de Pontevedra"

O seu balance final é positivo, a pesar de calquera crítica que poida recibir un certame como este. Nin cre que estean desfasados nin cre que contribúan a fomentar estereotipos de beleza superficiais. "Pero a beleza é algo moi subxectivo. Eu non son o home máis guapo de Pontevedra, simplemente teño unha serie de calidades que me servían para ser míster". Nin sequera concede que a beleza exterior é a que marca a diferenza. "Eu creo que o que marca a diferenza é unha combinación entre o exterior e o interior. De feito, neste concurso non só se valora o físico senón tamén todo o que hai detrás: a formación da persoa, as súas capacidades, etc. Se non, cunha foto bastaría. Non farían falta tantas probas".


POLÉMICAS

2020073014093160200
Andrade en traxe tradicional. CEDIDA

Míster International Spain xerou este ano varios debates nas redes sociais. O primeiro, sobre se o estremeño Manuel Romo merecía ser o gañador. "Aí tivo moito que ver unha foto desafortunada. Todos temos algunha así. Él é realmente un mozo impresionante", explica José Andrade.

Outra polémica tivo que ver con que Míster Tarragona, Sada Keita, cuxos pais son de Mali, non chegase a estar no top 3, a pesar de ser un dos grandes favoritos para facerse co certame. Nas redes chegouse a acusar á organización de racista. "Para nada. Como dis, el foi todo o tempo un dos grandes favoritos, así que esas acusacións non teñen moito sentido. Son máis ben cousas das redes".

¿Preocúpanlle os haters? "Non, nada. É algo que está aí e sabes que te estás expoñendo a que aparezan. Eu intento tomarme todos eses comentarios a coña", di. "Mira, todo isto non creo que chegue a confundirme. Sigo cos pés na terra. Son exactamente o mesmo que era e teño moi presente de onde veño".

Comentarios