José Duarte xa exerce como novo xefe da Policía Local

O Concello confirma a oficialidade do nomeamento, precipitado pola recente renuncia de Ángel Ruibal como responsable accidental
José Duarte. DP
photo_camera José Duarte. DP

José Manuel Duarte xa é, para todos os efectos, o novo xefe da Policía Local. O Concello confirmou este venres a oficialidade dun nomeamento adiantado a pasada semana por este xornal e que xa completou a súa fase administrativa.

Á convocatoria da praza só podían presentarse os dous únicos inspectores principais cos que conta o persoal pontevedrés. Un deles era Duarte e o outro Ángel Ruibal, ata hai pouco xefe en funcións, pola vacante que deixara Daniel Macenlle cando se converteu en director xeral de Protección Cidadá.

Con todo, a xefatura de Ruibal prolongouse apenas uns meses, despois de que hai uns días presentase a súa renuncia tanto ao cargo como a volver presentar á praza, por motivos persoais. Deste xeito, José Duarte converteuse no único aspirante e, ao cabo, gañador do concurso.

O Goberno local aclara que estaba previsto cubrir a substitución de Macenlle de forma oficial no primeiro trimestre, pero o coronavirus trastornou toda a axenda.