José Ramón Gómez: "As limitacións do espazo en Urxencias vanse manter ata Gran Montecelo"

Con Urxencias ata a bandeira, o xerente do CHOP avanza que na vindeira temporada da gripe cada paciente terá asignado un grupo de profesionais e realizarase un control estrito de tempos. Aínda así, haberá que esperar ao futuro hospital para poñer solución aos picos que protagonizaron tantos titulares durante o seu primeiro ano de xerencia

José Ramón Gómez, durante a entrevista. GONZALO GARCÍA
photo_camera José Ramón Gómez, durante a entrevista. GONZALO GARCÍA

José Ramón Gómez cumpre esta semana o primeiro ano á fronte da Xerencia da Estrutura de Xestión Integrada (EOXI) de Pontevedra e O Salnés, incluíndo os mandos do CHOP, o Hospital do Salnés e os centros de saúde da área sanitaria. Recoñece problemas de espazo en Urxencias e demoras nos ingresos de pacientes, pero nega rotundamente que Montecelo fose vítima do colapso. Móstrase ilusionado co proxecto de ampliación do hospital e declárase respectuoso coa dimisión do xefe de Oftalmoloxía, co que confesa ter tido un problema de visión.

Que balance realiza deste primeiro ano na dirección da Xerencia?
Sigo sendo unha persoa optimista e creo que se tocaron temas que Pontevedra precisaba dende hai tempo. En primeiro lugar, o Gran Montecelo, porque fomos capaces de definir o modelo de hospital cun alto grao de participación dos cidadáns e dos profesionais e porque temos o compromiso de que a Xunta investirá 140 millóns nas obras, que comezarán entre finais deste ano e principios do que vén. En segundo lugar destacaría que no Hospital do salnés abrimos un cuarto quirófano e a zona de coidados postcirúrxicos e en terceiro lugar subliñaría a aposta pola Cirurxía Maior Ambulatoria. Os cidadáns e os xefes de servicio sempre se preocupan pola dispoñibilidade das camas, pero en realidade cada vez hai máis intervencións que permiten ao paciente marchar para a súa casa no propio día, sen necesidade de ingreso. De feito, o ano pasado incrementamos un 7% a Cirurxía Maior Ambulatoria. Outra área na que fi xemos avances foi a de Hospitalización a Domicilio (HADO), xa que completamos o servizo no Salnés, e en Urxencias establecemos uns circuítos asistenciais para ordenar o fluxo de pacientes. Agora o que resta é ter un coñecemento máis detallado do que ocorre no servizo, sobre todo para xestionar os picos de actividade. Urxencias é un ámbito moi complexo onde participan e se interrelacionan distintos tipos de profesionais. O sistema de xestión que queríamos establecer e que, sen dúbida, estará dispoñible para o vindeiro mes de outubro, plantea que os pacientes teñan asignados uns profesionais e que se faga un control de tempos estrito. Así, saberemos con exactitude canto tempo estivo o paciente con cada profesional e poderemos obter unha información moito máis detallada para tomar decisións en tempo real e mesmo de forma anticipada.

Significa isto que o persoal está facendo un mal uso do tempo?
Non, pero é preciso ter certo tipo de información en directo. Cada día ás oito da mañá eu sei as urxencias e os ingresos, pero non vale de nada se o sabemos a posteriori. É necesario afondar no control, pero non no sentido negativo de vixiar o que se fai mal, senón co fin de axudar a xestionar e saber onde están os problemas.

O xefe de Medicina Interna di que vai ser difícil solucionar os problemas de saturación de Urxencias ata o Gran Montecelo.
O Gran Montecelo duplicará a superfi cie de Urxencias, pasando dos 60 ocos que hai actualmente no Provincial e Montecelo aos 117. Ata entón, as limitacións do espazo en Urxencias está clara e, sen ningunha dúbida, vaise manter ata Gran Montecelo. De todos xeitos, hai medidas para paliar a situación cando sobe a demanda. Por un lado, reforzando o persoal e, por outro, xestionando adecuadamente as altas de hospitalización para liberar antes as camas. Nos últimos días o índice de ingresos foi do 25% e isto, mantido durante 48 horas, fai que teñamos algún problema e que recorramos a espazos alternativos para ingresar aos pacientes, como a área de Cirurxía Maior Ambulatoria a de endoscopias dixestivas ou a do Hospital de Día.

Porén, os profesionais inciden en que a falta de camas é o principal problema que dá lugar á saturación...
Fixen un estudo entre o 15 de decembro e o 15 de xaneiro, coincidindo co pico da gripe, e só houbo dous pacientes que esperaron máis de 24 horas por unha cama, un deles porque pediu ir á unidade de hospitalización que lle correspondía. En todo ese mes o día no que houbo menos urxencias en Montecelo cuantifi cáronse 134, e o día no que máis, 225. 0 60% son urxencias leves. Que sucede? Que ao tratarse de xente maior e pluripatolóxica, o volume de ingresos aumenta do 15% ao 22 ou 25%, pero é un pico, non é que necesitemos moitas camas máis. Pero si se necesitan algunhas. Camas necesítanse e é verdade que o plan funcional do futuro hospital contempla pasar de 600 a 720 camas. De todos xeitos, nos momentos de máxima presión fomos quen de facer entre 30 e 90 cirurxías ao día, entre 600 e 900 probas radiolóxicas e entre 1.000 e 1.200 consultas. E o colapso de Urxencias do que se fala non foi tal, porque houbo atraso nos ingresos, pero sempre se prestou asistencia.

E non pensa que os picos mellorarían reforzando persoal?
Como bo galego, teño que dicir que depende. Penso que hai que reforzar Urxencias cando hai un volume maior de pacientes, algo que xa se fai cando hai indicación da Dirección de Enfermería ou Médica. Pero hai outro problema que non require reforzo de persoal e que ten relación co traslado de pacientes de Urxencias ás plantas de hospitalización. Durante o pico da gripe tivemos días con 126 camas libres, pero tamén outros nos que había tres camas para doce ou trece pacientes. Nestes casos reunímonos e tentamos alixeirar as altas e habilitar outros espazos.

Volvendo ao comezo, fai un balance positivo, regular ou negativo deste primeiro ano de xerencia?
Positivo, pese aos problemas. Un deles é que a sanidade está continuamente nos medios de comunicación, algo que non sucedía tanto onde estiven anteriormente. Sobre todo, cando moitas veces se trata de cuestións moi puntuais e cando vexo que é habitual que os sindicatos recorran antes aos medios que ao meu despacho, que está aberto a todo o mundo. O máis grave é que ás veces ofrecen unha información sesgada ou incompleta, que pode conlevar interpretacións que nada teñen que ver coa realidade. (...) Fastídiame que as persoas poidan dubidar do sistema, cando estamos diante dun sistema sólido, de boa calidade e seguro.

Tivo oportunidade de ver o anteproxecto do Gran Montecelo seleccionado por Sanidade?
A verdade é que co traballo do día a día non tiven oportunidade.

Planean un edificio independente conectado co hospital actual a través dunha pasarela peonil. É de supor que é a maneira máis fácil de manter a actividade...
Si, porque terá impacto cero sobre a actividade asistencial. De todos xeitos, haberá que calcular o fluxo de pacientes e profesionais entre ambos edificios, porque pode ser que unha soa comunicación non sexa suficiente e haxa que buscar máis conexións.

Cales son as prioridades para 2018?
Unha delas seguirá sendo o Gran Montecelo e outra as Urxencias. Por outra banda, potenciaremos os acordos coas asociacións de pacientes, ás que xa lles comunicamos que teñen un espazo disponible en Pontevedra (na entrada do Provincial) e que estamos vendo outro no Salnés para que poidan desenvolver as súas actividades. Ademais, colaboraremos con moitas delas na organización de xornadas. Na área de HADO, temos previsto potenciar e reforzar o equipo de Pontevedra de forma estable. E por último, en Atención Primaria a idea é cubrir todas as vacantes que se produzan en dúas quendas, antes do verán e cara finais do ano. Ademais, traballaremos de forma máis coordinada con Atención Primaria e probaremos novas medidas, porque son dos que cren que hai que analizar as tarefas que ten asignadas cada profesional. Ao mellor non é sensato que todos os cidadáns entren directamente na consulta do médico, cando igual teñen un problema que pode resolver Enfermería.

Os sindicatos falan dun déficit de 300 prazas que están sen cubrir na área de Pontevedra.
Non teño o dato exacto, pero a primeira indicación que din a Recursos Humanos é que se cubrirán todas as vacantes de Atención Primaria, de todo tipo de persoal. Se estamos tendo dificultade para atender as urxencias, a ausencia máis larga, que é a xubilación, non pode quedar sen cubrir. O problema é que a lista de relevos é reducida e esgótase. No ámbito de Atención Hospitalaria, na que contamos con preto de 900 facultativos, non hai tantos problemas para a contratación.

O 30% dos médicos que están agora mesmo colexiados vanse xubilar en nove ou dez anos. A EOXI está tendo en conta este factor á hora de programar a contratación?
Si, está na folla de ruta dende hai tempo. Hai un departamento específico en servizos centrais que controla o número de xubilacións e a cantidade de médicos e especialistas que hai en Galicia. En todo caso, temos dos mellores sistemas de formación, e considero que non podemos tirar ao traste con isto para duplicar ou triplicar as prazas de formación e arriscárse a que os profesionais teñan un nivel de coñecemento menor.

Como recibiu a dimisión do xefe de Oftalmoloxía, Pedro Corsino?
Tivemos varias reunións con el a nivel de dirección antes de que pesentase a súa dimisión. Fixemos unha análise en profundidade do servizo e creo que o principal problema non era a lista de espera. Hai 1.880 pacientes agardando unha primeira consulta cunha demora media de 38,1 días, pero non son cifras preocupantes, porque a capacidade do servizo, que conta con 16 profesionais, é de 900 ou 1.000 primeiras consultas mensuais. Outros 486 pacientes están en lista para operase cunha demoria media de 45,9 días, e debo subiñar que as listas non se maquillan como se ten dito, porque o sistema é o obxectivo e o rexistro é automático. O problema de visión no que diferíamos o xefe de servizo e a Xerencia é a organización da consulta externa de catarata, que a min non me parecía razoable. Segundo o sistema que viña funcionando dende hai uns anos, o paciente acudía ao servizo de Oftalmoloxía de Molllavao, era explorado por un oftalmólogo e, se lle diagnosticaban unha catarata, era derivado a unha consulta específica. Nesta última era onde se aviliaba esa catarata e se incluía, no seu caso, na lista de espera cirúrxica. O problema é que entre ambas consultas pasaba bastante tempo, varios meses. Ademais, o Sergas estableceu un protocolo para incluír a un paciente na lista de espera de operacións de cataratas e parece sensato que, usando ese protocolo, se puidera engadir aos pacientes á lista de espera sen pasar pola consulta específica. A nosa proposta tamén incluía actividade quirúrxica extraordinaria, pero non a contratación de oftalmólogos, porque hai pendente unha reorganización de consulta que entendo absolutamente beneficiosa para o cidadán. Pedro non quixo seguir á fronte e eu respecto a decisión tomada. Actualmente, o xefe de sección está a cargo do servizo.

Corsino demandaba peonadas para reducir a lista de espera. Non as ve convenientes?
Non podo responder cun non rotundo. A petición xeral que recibe calquera xerente é máis actividade extraordinaria ou máis persoal, pero a nosa obriga é revisar a organización das cousas e ver se é posible mellorar. Neste caso, pensamos que é posible mellorar a organización da consulta, porque moitas veces o oftalmólogo que diagnostica a catarata é o mesmo que atende meses despois a consulta de catarata. Nembargantes, tampouco descartamos reforzar a actividade cirúrxica para situar as demoras nos tempos que corresponde. A consulta específica de catarata (considerada como unha consulta sucesiva) tiña unha lista de espera de 1.195 pacientes.

Algún outro xefe de servizo falou da súa posible dimisión?
Non.

Hai unha sentenza firme que obriga a repetir o concurso da xefatura de Psiquiatría. Víctor Pedreira, o demandante, reclama a súa execución. Que ten pensado facer?
O Sergas presentou un escrito dicindo que non sabía como executar esa sentenza e estamos á espera da decisión xudicial. Se hai que convocar unha nova comisión para valorar aos dous candidatos, farémolo.

Non pensou en repetir o proceso?
Non, porque a sentenza di que hai que retrotraerse á un determinado momento, que supón a constitución dunha nova comisión de baremación que só pode avaliar aos dous candidatos que se presentaron e cos méritos que tiñan naquel momento.

Comentarios