Juan Carlos I desaparecerá en febreiro do rueiro de Pontevedra

A avenida pasará a recibir o nome de Virxina Pereira Renda
Viandantes cruzando por un paso de peatones en la avenida Juan Carlos I. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Viandantes cruzando por un paso de peóns na avenida Juan Carlos I. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O Concello de Pontevedra efectivizará o próximo mes de febreiro a retirada do nome do rei emérito, Juan Carlos I, do seu rueiro.

A actual Avenida Juan Carlos I pasará a chamarse Avenida Virxinia Pereira Renda, en honra á muller de Castelao, da que se destacará na placa a súa ideoloxía galeguista e o seu labor como "garante" do legado artístico e político do seu marido.

Durante a exposición pública do expediente para o cambio de nome non se presentou ningunha alegación en contra da retirada da rúa dedicada ao monarca algo que, segundo a edil de Cultura, Carmen Fouces, "di bastante do sentir da poboación".

"Non podemos ter nos rueiro nomes de persoas ás que non estamos dispostas a renderlle homenaxe", engadiu a edil do BNG, partido que xunto co PSDEG-PSOE impulsou a retirada das honras ao rei emérito.

O Partido Popular e o concelleiro non adscrito Goyo Revenga, expulsado no seu día de Cidadáns, avanzaron que votarán en contra deste cambio no pleno municipal que se celebrará en febreiro para formalizar a modificación do rueiro pontevedrés.

Desde o Concello de Pontevedra aseguran estar "orgullosos" de ser unha das primeiras cidades que materializa a retirada de Juan Carlos I do seu rueiro, substituíndoo ademais por unha muller "que é a antítese do que representa este señor", engade a concelleira do BNG.