Judith Hill e J. James, no Festival de Jazz e Blues de Pontevedra

Os concertos desta cita musical serán moi diversos, todos eles de carácter gratuíto

O pianista compostelán Abe Rábade, este xoves, actuando no Festival de Jazz de Pontevedra. DAVID FREIRE
photo_camera Fotografía da anterior edición do Festival de Jazz de Pontevedra. DAVID FREIRE

Os artistas estadounidenses Judith Hill, Joey DeFrancesco e José James serán os grandes atractivos da vixésimo sétima edición do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra, que se celebrará entre os días 23 e 28 de xullo.

Na súa presentación, a edil de Festas, Carme da Silva, destacou que este festival é unha das "grandes xoias" do verán pontevedrés e, ante a súa calidade, converteuse nun "referente único" deste tipo de festivais en Galicia.

Os organizadores desta cita musical, Luís Carballo e José Antonio Ortiz, celebraron que a calidade dos músicos de jazz e blues galegos permita que haxa concertos do "máximo nivel" con artistas do país na programación do festival.

Os concertos, que serán de carácter gratuíto, comezarán co pontevedrés Mr. River (23 de xullo) e o madrileño Álvaro del Valle (24 de xullo).

A oferta principal do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra chegará a partir do 25 de xullo coa actuación de Joey DeFrancesco Trío, Judith Hill (26 de xullo), José James (27 de xullo) e o pontevedrés Gabriel Peso (28 de xullo), o encargado de pór o broche de ouro.

Ademais destas actuacións, o festival incluirá concertos itinerantes de jazz, talleres de formación musical, sesións vermú nas que participarán Quest Trío, Standards Zone e Frequency Trío ou 'jam-sessions' con Javier Abraldes, Nacho Pérez, Miguel Ponce, Rosolino Marinello, Alberto Rial e Pedro Freijeiro.

Comentarios