Kiko da Silva amosa as súas 'pedras flotantes' en Alemaña

O debuxante expón na Feira do Cómic de Múnic orixinais da súa novela gráfica a punto de rematarse e doutros dous traballos

Kiko da Silva debuxando no Bosque Teutónico. CEDIDA
photo_camera Kiko da Silva debuxando no Bosque Teutónico. CEDIDA

O ilustrador pontevedrés Kiko da Silva exporá no Festival de Cómic de Múnic algúns dos orixinais das súas obras Baixo a sombra das pedras flotantes, O inferno do debuxante, e Fiz. A meirande parte mostra que acolle unha das citas bienais da banda deseñada a nivel mundial estará centrada na primeira destas tres obras, unha novela gráfica na que o autor leva traballando xa unha década. "É o libro ao que máis tempo e traballo lle teño adicado e é unha mestura de ficción e realidade", explica Da Silva, que adianta que ten previsto ter rematada esta novela gráfica para adultos ao longo de 2020. O festival ten lugar entre o 20 e o 23 de xuño, pero a exposición estará dispoñible durante unha semana completa.

O interese do festival alemán pola obra do pontevedrés vén precisamente a raíz da aparición de paisaxes do país xermánico na obra. Así, Da Silva xa expuxera algúns dos debuxos orixinais da novela no Instituto Cervantes de Múnic o ano pasado e agora volve coa mesma mostra ampliada.

Un dos escenarios da súa novela gráfica máis longa é o Bosque Teutónico, situado ao norte de Alemaña

Ademais de amosar os debuxos das tres obras mencionadas, o ilustrador e director da escola O Garaxe Hermético ofrecerá unha conferencia na que falará do proceso creativo de Baixo a sombra das pedras flotantes, un traballo "lento e interesante" que o levou a adquirir novos coñecementos de historia, xeoloxía ou xeografía dos que antes "non tiña nin idea". E é que a historia mestura ficción con realidade e ambiéntase en paisaxes espectaculares, dende puntos da Serra do Xurés a lugares de Nova Zelanda ou mesmo un muro natural xurdido do choque de dúas placas tectónicas en Macedonia.

Outro dos lugares que aparece reflectido na novela é o Bosque Teutónico, situado ao Norte de Alemaña, un lugar que Kiko da Silva define como máxico, aínda que non goza de excesiva populariedade entre os alemáns.

A obra de Kiko da Silva integrará unha lista de cancións para escoitar mentres se le: "É como a banda sonora dunha película"

"Cando expuxen en Múnic por primeira vez esperaba que soubesen explicarme algo máis deste bosque, pero curiosamente non saben moito sobre el", conta o debuxante. O motivo é que Himler estableceu alí un lugar de culto da "raza aria" e por iso é un lugar esquecido. "Os nazis apropiáronse do significado deste lugar, pero hai moita historia previa ao nazismo neste bosque", conta Da Silva. De feito, existe un punto dende o que contemplar o solsticio de verán, dende o interior dunha estrutura de pedra que deixa ao descuberto o ceo.

Trátase dun punto sen contaminación lumínica que se presta á observación astronómica e, aínda así, non é moi coñecido. Por outra parte, o autor aproveitará a súa viaxe a Alemaña para visitar este bosque e seguir traballando na súa novela. "Teño previsto tamén facer un documental sobre o "making of" da obra no que aparezan todos estes lugares que visitei", conta o debuxante. De feito, Da Silva xa ten un blog no que vai explicando a evolución do seu traballo e que se titula Al otro lado del muro.

Comentarios