Kiko da Silva ilustra o calendario 2018 da Uvigo

"Mato destaca o humor gráfico como «un dos mellores vehículos para potenciar o idioma"

Kiko da Silva coas viñetas do calendario en O Garaxe Hermético. DUVI
photo_camera Kiko da Silva coas viñetas do calendario en O Garaxe Hermético. DUVI

A Universidade de Vigo (Uvigo) dálle a benvida a 2018 co lanzamento dun novo calendario editado pola Área de Normalización Lingüística (ANL) e ilustrado nesta ocasión polo artista Kiko da Silva.

O calendario da Uvigo pretende ser unha ferramenta para loitar contra os prexuízos cara ao galego botando man do humor gráfico, unha ferramenta á que o reitor Salustiano Mato se refire como "un dos mellores vehículos para potenciar o noso idioma, do que nos sentimos tremendamente orgullosos" e tamén para "ridiculizar os múltiples snobismos que seguen a existir a día de hoxe arredor do seu uso", insistiu Mato.

Mantendo o lema "Na Universidade en galego. Sen prexuízos", a ANL volve apostar polo formato dun calendario de parede no que cada páxina é un mes de 2018 e, en cada unha delas, o ilustrador gráfico Kiko Da Silva introduce unha viñeta na que, a través do humor e a retranca, presenta diferentes situacións cargadas de prexuízos sobre a lingua e se achegan recursos e estima para superalos.

HUMOR QUE FAI CAVILAR. "Un reto que impón, pero que tamén ilusiona". Así acolleu Kiko da Silva o encargo da Universidade para facerse cargo do calendario de 2018. "Desde o principio tiven claro que o mellor era empregar unha das fórmulas que ten o noso idioma para comunicar, a retranca", explica o autor das viñetas de 2018, ao tempo que fai fincapé na importancia de “empregar o humor non só co fin de facer rir, senón de facer pensar e cavilar sobre a sociedade na que vivimos".

"Lamentablemente segue habendo moitas problemáticas arredor do galego, pero tratalo desde puntos de vista distintos, sobre todo xeracionais, é o máis complexo", recalca Da Silva, ao tempo que sinala que o habitual é que o humorista gráfico faga humor desde o seu propio punto de vista, "pero é máis complexo cando intenta trasladalo a distintos graos da sociedade, xa que non es ti o que está a analizar a situación actual, senón que estás tentando trasladar distintos tipos de persoas da sociedade, tanto galego como castelán falantes".

Desde o mestre que fala "un gallego muy cerrado" á lubina e gallo que non saben cando eran robaliza e rapante; desde o home que non fala o galego "porque no te lo sé hablar bien" á moza á que de nena non lle falaron galego por prexuízos e cando chega á universidade "namora del"... Desde xaneiro a decembro, 12 meses, 12 temáticas, 12 ideas nas que pensar e outros tantos estereotipos que derrubar.

Comentarios