O Laboratorio da Infancia convoca os colectivos vencellados á discapacidade

A sesión será o vindeiro venres no CRE da Once para que acheguen as súas ideas ás distintas mesas de traballo
Unha das sesións desenvolvidas polo Laboratorio da Infancia. DP
photo_camera Unha das sesións desenvolvidas polo Laboratorio da Infancia. DP

En paralelo aos talleres que se están a desenvolver en centros educativos para coñecer as opinións dos alumnos de oito a doce anos sobre os aspectos abordados nas distintas Mesas de Traballo ou Lab's, o proxecto Laboratorio da Infancia, impulsado pola Concellería de Educación con financiamento nun 80% polo Fondo Europeo Feder a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado (Edusi), vén de convocar a tódolos colectivos e asociacións vencellados á infancia con discapacidade a unha sesión específica para que aborden este tema e acheguen as súas ideas, informou este martes o Concello.

Esta sesión terá lugar este venres, 11 de marzo (17.30 horas), no Centro de Recursos Educativos da Once e estará conducida polo equipo coordinador da iniciativa (Taller Abierto) coa colaboración de Xaime Toxo, mestre especialista en atención escolar a alumnos con cegueira e discapacidade visual, que moderarán o debate e centrarán as cuestións a tratar para que complementen as conclusións das Mesas de Traballo.

"A iniciativa Laboratorio da Infancia", sinala o edil de Educación, Tino Fernández, "está a definir unha estratexia dirixida á poboación pertencente a esta etapa da vida, incluíndo un plan de acción que contribúa a un mellor desenvolvemento dos membros pertencentes a este segmento de idade. O proxecto ten un claro carácter cooperativo e participativo, polo que a opinión destes colectivos e asociacións resúltanos de grande axuda".

A asistencia á sesión deberá confirmarse previamente a través do email [email protected].

CALENDARIO. Segundo recordou a Concellería de Educación, esta semana continuarán desenvolvéndose os talleres nos centros educativos para recabar as opinións do alumnado sobre os asuntos abordados nas Mesas de Traballo. Os vindeiros obradoiros terán lugar o xoves, no Ceip Ponte Sampaio, e o venres, no Ceip Marcos da Portela.

Ambas servirán de preámbulo para ultimar as cinco sesións públicas que se celebrarán entre os meses de marzo e abril na Casa das Campás (Vicerreitoría do Campus Universitario de Pontevedra) e que están destinadas a presentar as conclusións das Mesas de Traballo realizadas no marco do Laboratorio da Infancia.

Os foros, orientados a fomentar a participación pública no deseño da cidade do futuro para a nosa infancia, terán lugar en horario de 19:00 a 21:30 horas nas seguintes datas: 17 de marzo (Laboratorio Sociedade), 24 de marzo (Laboratorio Espazo Público), 31 de marzo (Laboratorio Cultura), 4 de abril (Laboratorio Medio Ambiente) e 7 de abril (Laboratorio Vida Saudable).

Comentarios