Larriba garante un impulso "moi urxente" ao redeseño do nó de Bombeiros

A subdelegada rebate as críticas do PP aos Orzamentos Xerais matizando que "supoñen un millón máis de investimento que os de 2018"

Maica Larriba. GONZALO GARCÍA
photo_camera Maica Larriba. GONZALO GARCÍA

PONTEVEDRA. A subdelegada do Goberno saíu onte ao paso das críticas do PP ao proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para recordar que supoñen un millón de euros máis de investimento (163 fronte a 162) que os de 2018. "Se a pesar de haber máis diñeiro, para o Partido Popular son un timo e unha humillación para Pontevedra, ¿como cualificaría aos orzamentos de 2018 que aprobou Mariano Rajoy?", preguntou.

Maica Larriba detallou as partidas contempladas no borrador para a provincia e incidiu nunha en particular: a reforma del nó de Bombeiros, para a que se prevén 100.000 euros. "De momento só aparece esa cantidade, pero se lle vai a dar un impulso moi urxente a ese proxecto e é moi probable que poida sufrir modificacións. E ata aquí podo ler", dixo, deixando entrever que é unha das grandes apostas do Goberno Sánchez.

Con todo, matizou que "de nada vale pór millóns de papel, como fixo o PP," se antes non se desbloquean dous trámites administrativos indispensables: en primeiro lugar, asinar un convenio con Audasa que debe ser ratificado polo Consello de Ministros; e en segundo lugar, outro co Concello de Pontevedra para a permuta dunha parcela duns 100 metros cadrados anexa ao Parque de Bombeiros, que está afectada o proxecto construtivo. "Sen eses pasos previos, de nada serve pór diñeiro que non se pode executar".

Neste sentido, a subdelegada destacou que durante os últimos anos Galicia deixou de recibir 2.000 millóns de investimentos que estaban consignadas nos PGE pero que non chegaron a cristalizar. "Diñeiro de papel e diñeiro perdido polos galegos", apuntou.

Fronte a esta tendencia, Larriba asegurou que as partidas que aparecen no actual proxecto "son reais", como a revalorización das pensións, da que se beneficiarán máis de strong<> 240.000 pontevedreses. "Para todos as contías aumentarán, como mínimo, un 1,6% e no caso das mínimas e o non contributivas (coñecidas como renda básica vital) será un 3%", agregou.

Asegurou que estas contas contemplan "máis diñeiro para os cidadáns e menos para as grandes obras» e entre as melloras sociais citou a supresión progresiva do copago farmacéutico, que beneficiará a 100.000 pensionistas da provincia; a cotización á Seguridade Social dos coidadores da Lei de Dependencia, con 8.597 beneficiarios en Galicia; os 15 millóns para a recuperación do subsidio de desemprego para maiores de 52 anos, con 20.000 destinatarios en Pontevedra; e o aumento dos permisos de paternidade de cinco a oito semanas, do que se poderán aproveitar 9.153 galegos. "Porque os fillos son responsabilidade da parella, non só das nais", dixo.

A subdelegada aludiu, así mesmo, ás grandes partidas de Fomento, a carteira tradicionalmente con maior desembolso, que suman 115,19 millóns só na provincia. Destacan os 45,4 millóns para estradas, os 15,10 millóns para a rede ferroviaria ou os 27,7 millóns para portos.

Comentarios