Licencia municipal para a ampliación do CIFP Carlos Oroza, a punto de empezar

"Estabamos esperando esta obra como auga de maio", explica o director do centro, Manuel Hermo
CIFP Carlos Oroza. ADP
photo_camera CIFP Carlos Oroza. ADP

A Xunta de Goberno concedeu este luns, finalmente, a licenza municipal para as obras de ampliación do CIFP Carlos Oroza, que na práctica estaban a piques de empezar nos vindeiros días e que, de feito, obrigan a trasladar ás Bodegas Martín Códax o campionato de sumillería que se celebrará nos vindeiros días.

As obras, cun orzamento de 2.789.252,92 euros, foron adxudicadas o pasado mes de novembro á empresa Constructora San José S.A. e teñen un prazo de execución de doce meses.

"Estabamos esperando esta obra como auga de maio", explica o director do centro, Manuel Hermo, pois levan case tres anos esperando a que o proxecto empece a facerse a realidade.

Os traballos compaxinaranse coa actividade lectiva e afectarán, sobre todo, ao acceso ao instituto, que se modificará.

As obras levaranse a cabo no espazo situado á entrada do recinto, onde se situaba o antigo aparcadoiro, e consistirán na construción dun edificio anexo de tres andares destinado, basicamente a aulas. "É o que precisamos. Con 400 estudantes agora estamos facendo encaixe de "bolillos" para organizarnos, porque temos bos talleres, pero fáltannos aulas de pupitres".

Así, a planta baixa do novo inmoble destinarase a zona administrativa e viveiro de empresas; no primeiro andar habilitaranse tres aulas, unha delas a de sumillería, e no segundo outras tres aulas. A intención é que a nova reorganización do centro estea totalmente en marcha de cara ao curso 2024-25.

Comentarios