lunes. 20.09.2021 |
El tiempo
lunes. 20.09.2021
El tiempo

"A lingua é un acto de amor"

AVENIDA DE SANTA MARIA_ Ciclo Ent3vistas_ Chus Gomez fala con Alex Regueiro e Maria Viqueira_
Chus Gómez fala con Álex Regueiro e María Viqueira no ciclo En3vistas. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
A xornalista de Diario de Pontevedra Chus Gómez Dorrego conduce durante toda a semana o ciclo En3vistas do Concello, polo que comezaron pasando Álex Regueiro e María Viqueira

"O que necesitamos é que Amancio Ortega faga unhas declaracións en galego". Iso cambiaría de vez o futuro do idioma, segundo Álex Regueiro. "Necesitamos que Amancio Ortega conceda unha entrevista en galego; que a Televisión de Galicia produza un programa como A Illa das Tentacións; que se publique unha revista como a Cuore en galego, e que a hostalería se implique máis coa lingua. Porque eses son os catro grandes sectores que hai que conquistar: o dos grandes empresarios, o da televisión, o dos salóns de peiteado e o da hostalería. O que necesitamos é que Bershka saque unha camiseta de María Viqueira".

A xornalista de Diario de Pontevedra Chus Gómez Dorrego conduce, durante toda a semana, o ciclo En3vistas, que a concellería de Normalización Lingüística promove por segundo verán consecutivo para promover o uso do galego. O editor Álex Regueiro e a deseñadora María Viqueira foron os encargados de abrir a proposta este ano. Foi este luns na avenida de Santa María.

Os dous falaron da súa experiencia como galegofalantes e da importancia que pode ter entre os seus seguidores que o sexan. "Máis que referente, eu síntome responsable no uso do galego", dixo Regueiro. No caso de María Viqueira, a deseñadora confesou que o galego era un aspecto central no desenvolvemento do seu traballo, xa que as súas camisetas están bordadas con palabras no noso idioma. "A marca xa naceu con esa idea. Non tería sentido doutra maneira".

"O único galego malo é o que non se fala"

Ambos explicaron que a variedade de linguas no mundo é unha riqueza que se debe coidar e protexer. "As diferentes linguas suman", dixo Viqueira. "A lingua é un acto de amor, algo que non se pode impoñer", sinalou Regueiro, que resaltou o papel clave que ten a familia na transmisión do idioma, mesmo por enriba do que xoga a escolarización. O editor tamén animou a todas as persoas que queiran falar galego a perderlle o medo a facelo por non cometer erros propoñendo unha reflexión sobre se realmente están seguras de que falan o castelán correctamente ao cen por cen. "O único galego malo é o que non se fala".

As En3vistas, que se celebran sempre ás 20.00 horas (con acceso libre e gratuíto seguindo medidas anticovid), continúan este martes, nos Xardíns do Doutor Marescot, cunha conversa entre a francesa Mounqup e o xaponés Masakazu Shida, ambos afincados en Galicia e galegofalantes.

O mércores, en Virxe do Camiño, xuntaranse Iria Veiga e Darío Lago; o xoves 5 de agosto, no Parque dos Gafos, Carlos Blanco e David Amor; e o venres 6 de agosto, na Ponte do Burgo, Pili Pampín e Ortiga.

"A lingua é un acto de amor"
comentarios
ç