A loita das mulleres agroma nos muros de Pontevedra en forma de grafiti

A artista urbana Sax plasma nun muro de Cruz Gallástegui unha reivindicación con motivo do 8-M
Puentes e Blanco, coa artista. DP
photo_camera Puentes e Blanco, coa artista. DP

Un muro de 10 x 2 metros situado na céntrica rúa Cruz Gallástegui converteuse no lenzo sobre o que a artista urbana Sax, en colaboración coa Urban Culture Factory, está a plasmar o grafiti reivindicativo promovido pola Concellería de Igualdade con motivo do 8-M, Día da Muller.

O inicio da intervención artística, que estará rematada ao longo do martes, contou coa presenza dos concelleiros socialistas Iván Puentes e Yoya Blanco, quen asegurou que, a través deste mural inspirado no cartel deseñado por Maru Astray para a campaña Feminismo para cambiar o mundo, "as mulleres ocupamos o espazo público cunha imaxe moi poderosa, que reflicte o noso berro a prol da igualdade real e a loita polos dereitos de tódalas mulleres".

Tal e como lembrou a concelleira de Igualdade, "a grafiteira Sax conta cunha longa traxectoria, xa que comezou a facer bosquexos e a plasmalos nos muros na súa adolescencia, e é toda unha referente feminina nun campo de expresión artística que desgraciadamente, coma tantos outros, está dominado de xeito maioritario por homes".

"O seu estilo, as cores e texturas que emprega, encaixan á perfección co empoderamento feminino e a forza das nosas demandas. É un berro reivindicativo, que amosa que non estamos dispostas a soportar máis minutos de silencio, e unha homenaxe ás mulleres artistas e á arte feminina: unha imaxe moi potente e fermosa, símbolo dun 8M no que, por mor da pandemia, non puidemos saír ás rúas de xeito multitudinario e vivir esa sororidade colectiva que tanta falta nos fai", asegurou Yoya Blanco.

A socialista agradeceu a implicación da Urban Culture Factory coa arte urbana, apostando pola rexeneración e dignificación dos espazos públicos e simbólicos da identidade cultural, e coas reivindicacións das mulleres. Segundo apuntou, este colectivo está a traballar de xeito decidido na consolidación e desenvolvemento de artistas mulleres mediante campañas muralísticas onde se retrata a identidade dunha cultura dos muros.

A artista Sax afirmou que “nun ano no que non puidemos manifestarnos como sempre polo 8-M, este graffiti amosa a unha rapaza berrando a través dun megáfono e subliña o importante que teñen estas datas para as mulleres”.

Os Faladoiros Literarios Feministas regresan á Uned
As escritoras protagonizarán no centro asociado da Uned o segundo dos Faladoiros Literarios Feministas organizados pola Concellería de Igualdade no marco das actividades programadas co motivo do 8-M. Esta nova mesa estará moderada pola xornalista Sara Vila Alonso, será emitida en streaming en España e Latinoamérica a partir das 19:00, contará coa participación da socialista Yoya Blanco e nela presentaranse os libros A lavandeira de San Simón e Libres e Vivas.

Comentarios