Lola Dopico, directora da Esdemga

"Rexeitar Deseño e Creación en Belas Artes foi un erro histórico"

Na recta final do curso, coa primeira promoción do mestrado en Deseño e Dirección Creativa preparando o Debut, Dopico contrapón fitos tan importantes como a terceira participación na Graduate Fashion Week ou a colección con Zara coa decepción por desbotar o novo grao

Lola Dopico, rodeada de deseños do alumnado do mestrado. GONZALO GARCÍA
photo_camera Lola Dopico, rodeada de deseños do alumnado do mestrado. GONZALO GARCÍA

Despois dunha semana fantástica na que coincidiron o desfile na Graduate Fashion Week de Londres (a Esdemga foi a única escola española presente nesta cita internacional, o que "é motivo de moitísimo orgullo") e o lanzamento da colección cápsula Now becoming then con Zara Trafaluc, Lola Dopico afronta o fin de curso do Mestrado Universitario en Deseño e Dirección Creativa en Moda, que veu a substituir aos Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galiza. Xusto agora sae das aulas (e dos talleres) a primeira promoción de mestres, que cara a novembro presentarán as súas coleccións, como traballos de fin de mestrado, no desfile do Debut. Entre o 21 de xuño e o 1 de xullo poderase solicitar praza para o vindeiro curso do máster.

Que balance fai destes dous primeiros anos de mestrado?
O balance é moi positivo. As oportunidades que xurdiron para eles son moi interesantes ao poder traballar en casos reais, con proxectos moi vinculados ao sector desde o minuto un. O estudantado transmítenos que é unha formación que os fai medrar. Temos alumnos de todo tipo, que veñen de facer un grao en Belas Artes, en Deseño, en Arquitectura, do eido da comunicación... Fomos quen de dar a formación para homoxeneizar ese inicio e cando vexamos as coleccións rematadas, no próximo Debut, será un momento moi importante. Aínda que as clases acaban agora, o remate é a exposición dos traballos de fin de mestrado. Agora os estudantes están desenvolvendo este proxecto ao tempo que fan as prácticas curriculares.

Co cambio de estudos propios ao mestrado, notouse moito a transformación do perfil do alumnado?
Cambia, fundamentalmente, pola formación base. Agora todos teñen un grao, porque antes había xente que viña directamente da selectividade e outra que xa era graduada.

Zara
"A colección cápsula tivo un impacto mediático importantísimo como unha das máis bonitas do verán e xa hai prendas esgotadas"

Os estudantes que chegan cun grao baixo o brazo sempre tiveron a moda como a súa verdadeira vocación? Nótase?
Nese sentido hai un pouco de todo. O territorio da moda, aínda que pareza que non, é un gran descoñecido. Ten perfís moi diversos: de comunicación, de deseño... Pero tamén os que teñen que ver coa visión comercial e a xestión. Aquí damos unha formación que os introduce dunha forma seria nos procesos de creación de coleccións de moda, que lles permite entender as parcelas que interveñen nesa creación. E despois, cada un co seu perfil previo e persoal, vai configurar un perfil interesante para diferentes postos na industria da moda. Hai quen che di que a moda lle gustou sempre, pero fixo un grao en Comunicación ou Filoloxía pero que non se plantexou ser deseñador. Agora, cunha formación que lle dea as ferramentas, pode ser moi interesante para este tipo de traballo dentro da industria da moda. Vocación? Tenche que gustar a moda. Non ir de tendas, senón todo o proceso de creación. O mestrado está dando unha formación a perfís moi diferentes. Ás veces sorpréndeche desde onde se achegan os candidatos e cando ves como poden configurar a súa carreira, saen perfís moi interesantes.

E xusto coincidiu tamén co lanzamento da colección cápsula con Zara Trafaluc, deseñada por catro alumnas da escola: María Lázara, Silvia Marra, Alexandra Pais e María Cuntín.
Este ano foi tremendo. O 5 de xuño tiñamos o desfile en Londres e o 6 saía a colección. Ás seis da mañá xa estaba vendo como estaba a colección e foi moi emocionante. Sabiamos que saía, pero non viramos a editorial, nin como a presentaban. Quedamos moi contentos.

É a primeira colaboración deste tipo da Esdemga?
Si. Este é un proxecto específico que ten Zara, VIEW.S. Fixo dúas edicións anteriores. A primeira co Bunka Gakuen, de Tokio. É unha escola de moda impresionante, ten 3.500 estudantes -case como o campus de Pontevedra-, das mellores do mundo. A segunda colección, para Kiddy's, fixérona co Chelsea College of Arts de Londres. Foi impresionante que confiaran en Esdemga, na Universidade de Vigo, para participar. Encaixaba moi ben.

Plantéxase facer algo así con produción propia?
Facer unha colección cápsula con produción é un coste que non podemos asumir. Podemos deseñala, pero producila a unha escala de venda está completamente fóra das nosas posibilidades.

Unha semana despois do lanzamento de Now becoming then, como foi a súa acollida? Saben como van as vendas?
Non temos reporte de vendas, pero eu creo que está funcionando moi ben. Transmitíronnos que gusta moito, que están moi contentos. De feito tivo un impacto mediático importantísimo. Saíu en Vogue Italia, en Vogue España e en todas as revistas do sector, como unha das coleccións máis bonitas do verán. De feito xa hai prendas esgotadas. Iso é importante.

Mestrado
"Tenche que gustar a moda. Non ir de tendas, senón todo o proceso de creación. O máster dá as ferramentas"

Como valora que a Xunta de Facultade de Belas Artes rexeitara acoller neste centro o novo grao de Deseño e Creación?
Non sei se son quen para opinar disto, pero paréceme un erro histórico. Nestes anos, nos que a escola de moda conviviu con Belas Artes, lévase facendo un traballo impresionante, creo que positivo para os estudantes. A Universidade ten unha responsabilidade social e hai un sector, o do deseño, importantísimo en Galicia. Creo que non podemos estar de costas a esta realidade. Eu non comparto nin entendo esta posición e só podo lamentarme, pola Universidade, pola facultade e pola cidade. Os que estamos aquí sabemos que unha titulación dese tipo sumaría moito: á UVigo, a Belas Artes, a Pontevedra e á sociedade no seu conxunto. Dende logo sempre mostrei a miña absoluta dispoñibilidade e sígoo facendo. No seu momento, cando se plantexou a posibilidade de transformar o título propio da Esdemga en grao, non puidemos facelo, porque foi xusto no momento máis forte da crise. Aquí hai unha oportunidade e sei que tanto o reitor como o vicerreitor do campus teñen unha sensibilidade sobre a importancia desta titulación e agardo que poida poñerse en marcha tendo en conta a importancia do deseño de moda. Creo que sería moi bo que ese título de grao fora o primeiro paso para especializarse en moda. Non o temos en Galicia, non existe esta titulación, hai moita xente que nos chama porque quere facer un grao en deseño orientado a moda, a gráfica para moda... E non hai unha titulación que dea resposta a iso. Independentemente do que decidira, a Universidade asumirá esa responsabilidade e levarao a cabo.

Graduate Fashion Week. "A experiencia é fantástica, tanto para os estudantes como para a propia escola"

Lola Dopico, rodeada de deseños do alumnado do mestrado. GONZALO GARCÍA (2)

Co Debut máis que consolidado despois de doce edicións, este foi o terceiro ano no que a Esdemga participou na Graduate Fashion Week en Londres, sendo a única escola española. Pódese dicir que xa son uns clásicos nesta cita internacional?
Clásicos non nos sentimos -chancea-, pero si estamos moi contentos. É a terceira vez que nos convidan a participar e é incrible verse entre escolas como as que están alí. Este ano, ademais da colección do desfile (a cargo da estudante Paloma García Santos), pedíronnos se tiñamos algunha proposta de moda sostible e de prototipos e mandamos a dunha estudante, que rematou o ano pasado os estudos propios. Gustoulles moitísimo. E tamén nos pediron en portfolio dixital outras dúas coleccións, porque querían máis representacións das escolas. Había catro coleccións da Esdemga e iso é moi importante. A experiencia é fantástica, tanto para os estudantes como a propia escola, verse nun contexto internacional desa importancia.

Comentarios