López anuncia a ampliación das aulas e espazos no IES Sánchéz Cantón pola covid

Prevese que as obras estean rematadas para o inicio do vindeiro curso 
O delegado da Xunta, con autoridades locais e responsables do Sánchez Cantón. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera O delegado da Xunta, con autoridades locais e responsables do Sánchez Cantón. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou este venres a licitación das obras de ampliación de aulas e adaptación de espazos interiores do IES Sánchez Cantón para reforzar a seguridade sanitaria do alumnado e da comunidade educativa, cun investimento de 236.000 euros.

Acompañado polo xefe territorial de Educación, César Pérez, López informou de que os traballos serán adxudicados nas próximas semanas para que as obras se poidan executar ao longo do verán e o centro estea completamente remodelado para o inicio do vindeiro curso.

O proxecto inclúe aulas dunha maior capacidade e a rehabilitación de espazos infrautilizados nun instituto que conta cunha superficie construida de case 9.500 m2 e que, malia ter 36 anos de antigüidade, presenta un bo estado de conservación grazas ás ampliacións e rehabilitacións acometidas pola Xunta ao longo dos últimos anos.

A actuación consistirá na reformulación de aulas e diversas estancias, unificando salas de desdobres, seminarios, departamentos e outros espazos reducidos, para crear aulas de referencia de ata 90 m2 de superficie e, por outra banda, a adaptación como zonas lectivas de lugares infrautilizados, como aulas de tecnoloxía, laboratorios ou espazos con pouca ventilación, como é o caso das salas de música. López dixo que as obras "permitirán unha maior eficiencia e confortabilidade no centro". 

Comentarios