Lores anuncia a reforma do Pazo, do Principal e da Casa Consistorial

O alcalde e Carmela Silva asinaron este martes o primeiro convenio do mandato entre o Concello e a Deputación para a reforma da sede de Michelena. O rexedor do BNG cuestiona as axudas directas ás empresas e aposta por xerar actividade económica con investimentos
2020060311314115238
photo_camera Silva e Lores saudándose este martes co cóbado logo de asinar o primeiro convenio do mandato. GONZALO GARCÍA

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, confirmou este martes que o plan de reformas das sedes municipais inclúe o Pazo da Cultura, o Teatro Principal e a Casa Consistorial. O anuncio produciuse tras a firma do primeiro convenio do mandato entre o Concello e a Deputación para a mellora do edificio de Michelena, ao que se destinarán 528.619,98 euros: 226.119,98 euros para a planta baixa, xa en execución, e os 302.500 euros restantes para a segunda planta. Tal e como recordou a presidenta provincial, Carmela Silva, o acordo tamén é o primeiro que a entidade que dirixe formaliza desde que se decretase a pandemia polo coronavirus.

Lores e Silva exhibiron máxima sintonía na rúbrica do documento e avanzaron que aínda faltan máis convenios por asinar. Entre eles figuran o dos pavillóns da Parda e outras instalacións deportivas; mellora da seguridade viaria no municipio; o do novo acceso a Mollavao e os viarios perimetrais do Gran Montecelo.

"Nós somos moi respectuosos coa autonomía local e coas prioridades que establece Pontevedra", subliñou a presidenta da Deputación, que proclamou o seu amor á capital provincial, "cidade á que cada día quero máis".

Miguel Anxo Fernández Lores: "O que non se pode esperar é que as administracións públicas, especialmente os concellos, paguen o lucro cesante dun sector económico"

A líder socialista reivindicou o modelo urbano pontevedrés tras destacar o último premio internacional, o sétimo, que logrou de mans da Comisión Europea polas súas políticas de seguridade viaria. "O espazo público ten que ser para as persoas", dixo Silva, que recordou que a crise da covid-19 investiu as prioridades de moitas cidades respecto da mobilidade.

Ademais de destacar o "respecto institucional" dos bipartitos municipal e provincial, Lores advertiu tamén de que as consecuencias do coronavirus tamén se farán notar nas facendas das entidades de carácter local. Asegurou que será "inevitable a rebaixa dos orzamentos da Deputación e dos concellos" debido á "redución de ingresos" como o Ive ou o IRPF. Por este motivo, o rexedor nacionalista instou a ser "sensato, responsable e prudente" á hora de tomar calquera decisión económica.

O líder do BNG cuestionou abertamente a concesión de axudas directas que outros concellos xestionan para o seu tecido empresarial, principalmente para o comercio e a hostalería, e apostou por investimentos para reactivar a economía. "Hai moitos sectores afectados pola covid-19. O noso compromiso foi que mentres dure a pandemia ninguén pagará taxas municipais", dixo sobre o adiamento dos principais tributos locais.

Carmela Silva: "Agardo que todas as institucións, a europea, a estatal e a autonómica, fagan chegar recursos ás entidades locais"

Sobre a rebaixa ou exención fiscal, todos os escenarios seguen abertos. Pero Lores indicou que "o que non se pode esperar é que as administracións públicas, especialmente os concellos, paguen o lucro cesante de ningunha actividade económica cando nós non temos responsabilidade nin trouxemos o bicho". "A min non me gusta prometer cousas que logo non son capaz de cumprir. E non me gusta arruinar o Concello con cuestións discutibles", dixo en referencia ás axudas directas ao comercio, que tamén puxo en dúbida desde o puto de vista legal.

Pola súa banda, a presidenta provincial fixo un chamamento a todas as administracións para apoiar os concellos. "Agardo que todas as institucións, a europea, a estatal e a autonómica, fagan chegar os recursos ao eido local. Agardo que as entidades locais non suframos recortes", destacou tras subliñar o papel do Goberno central e cuestionar o da Xunta en sectores nos que ten competencias, como o comercio ou a industria.

Dez acordos en cinco anos e tres aínda sen executar 
O Concello e a Deputación asinaron dez convenios de colaboración desde que o bipartito entrou no Goberno provincial, hai cinco anos. Destes acordos, tres seguen aínda sen executar. Un deles é o do saneamento do Gafos. Falta por executar o tramo urbano da obra. Segundo o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, á actuación fáltanlle os permisos "para pasar a tubaxe". Os outros dous convenios pendentes son o do viario a Monte Porreiro e o do local social dos Campos, cuxas obras xa están adxudicadas.