Fernández Lores pide a Feijóo que se pronuncie sobre a variante de Alba

O rexedor pontevedrés tamén apela ao "interese xeral" para que se desbloquee a obra, que conta co rexeitamento do consello parroquial de Campañó e co apoio do de Alba e Lérez
Plano de la variante de Alba propuesta por el Concello. DP
photo_camera Plano da variante de Alba proposta polo Concello. DP

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, volveu a chamar ao presidente da Xunta pola variante de Alba. Quere que Alberto Núñez Feijóo se pronuncie sobre a execución dun proxecto que leva reclamándose desde fai case 17 anos.

O rexedor do BNG apela ao "interese xeral" deste viario para que se desbloquee a obra, que conta co rexeitamento do consello parroquial de Campañó e co apoio do de Alba e Lérez. "Estamos percibindo cada vez máis apoios e impactos positivos. Hai moita xente de Campañó que quere ter unha conexión razoable con Lérez e coa cidade", sinalou.

Lores considera que aínda que haxa "un, dous, tres, cinco ou 15" veciños en contra desta actuación nunha parroquia na que viven 2.000 persoas non pode ser escusa para botala por terra. "Non hai ningún trazado de ningunha estrada que non lle moleste a alguén e ao que non se opoña alguén", explicou. "Eu creo que é unha obra adaptada ó territorio, con tráfico acougado, con pasos peonís e ciclistas, con conexión a todas as leiras, con iluminación e que unha dúas parroquias: Lérez e Campañó. E por unha esquina", engadiu.

O rexedor do BNG recordou que a proposta trasladada á Xunta para a variante de Alba, que conectaría as estradas de Vilagarcía (PO-531) e Santiago (N-550) desde o núcleo de O Freixo ata o de A Cendona, ten menos impacto no territorio e un custo menor: 5,8 millóns de euros.

"A Xunta decidirá. Deille un prazo. E, a partires de aí, espero que a súa resposta sexa positiva ou que me diga claramente que non a quere facer", dixo Lores sobre os contactos mantidos con Feijóo.

Comentarios