Lores arremete contra a política industrial e de emprego da Xunta

O alcalde asegura que o Goberno galego pon "trabas" ao desenvolvemento de polígonos empresariais en Pontevedra e critica que Conde e Rueda cuestionen o recurso do Concello contra Ence, aprobado este martes polo bipartito

Lores. DIANA CARRACELAS
photo_camera Miguel Anxo Fernández Lores. DIANA CARRACELAS

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, arremeteu este mércores contra a política industrial e de emprego da Xunta. Fíxoo para criticar que o Goberno galego poña dificultades ao desenvolvemento de parques empresariais. "Puxo todas as trabas do mundo para o polígono do Vao cando se lle solicita a ampliación do do Campiño, contemplado nas súas directrices de áreas empresariais, contéstanos pola prensa dicindo que non", sinalou.

O rexedor do BNG bota en falta medidas do Executivo autonómico para a capital provincial. "Durante 14 anos de Goberno da Xunta en Pontevedra, cal é a proposta do Partido Popular a respecto da actividade económica e industrial? Non sei que fixo o PP para que non fixese ningunha actuación para a creación de postos de traballo e parques empresariais", engadiu.

Lores tamén reprochou que as recentes reaccións do vicepresidente primeiro e conselleiro de Industria, Francisco Conde, e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sobre a batalla legal que o Concello manterá para anular a prórroga de Ence en Lourizán, que foi validada polo Tribunal Supremo. "Sorprendeume moitísimo que lle recomendasen ao Concello que non exerza o seu dereito a recuperar a ría. Non nos van convencer", indicou.

O Executivo pontevedrés deu os primeiros pasos para tratar de tombar a sentenza do Supremo sobre Celulosas. Unha Xunta de Goberno extraordinaria celebrada este martes aprobou a contratación "para a defensa xurídicia" do Concello. A medida, como recordou Lores ao ser preguntado pola prensa, conta co apoio do bipartito, tanto do BNG como do PSOE, que de momento non se manifestou publicamente respecto diso. "Este Goberno decidiu percorrer. Foi o Goberno, non o alcalde", aclarou.

O gabinete CCS Avogados farase cargo dos dous procedementos xudiciais contra a permanencia da pasteira en terreos protexidos: un incidente de nulidade ante o Supremo e un recurso ante o Tribunal Constitucional. Un equipo de cinco expertos, coordinados por Francisco Caamaño, exministro de Xustiza durante o Goberno do socialista José Luis Rodríguez Zapatero, asumirá a defensa do Concello. O custo da mesma ascenderá a 32.065 euros (IVE incluído).

"Este recurso responde á demanda dunha parte importantísima da cidadanía, que reclama a recuperación da ría; o traslado da empresa, que está mal localizada; a loita contra o cambio climático, e a restitución do dominio público marítimo-terrestre. Imos seguir nesa liña. Creo que temos toda a razón do mundo. Temos a esperanza de que se atendan os nosos razoamentos xurídicos", explicou Lores, que tamén confía en que o expediente aberto pola Comisión Europea a España por vulneración da directiva de servizos sexa contraria a Ence. "Temos moitísimas esperanzas en que se poida reverter unha situación que, dende o noso punto de vista, non é conforme a dereito", concluíu.

Comentarios