Lores defende os desprazamentos a pé nun foro sobre o futuro das cidades

"O transporte público é imprescindible nas grandes cidades, pero nas pequenas a idea principal debe ser camiñar", defendeu este xoves nun congreso organizado polo Goberno en Logroño
Lores compartió este jueves un debate en el congreso El futuro de las ciudades, celebrado en Logroño. CONCELLO
photo_camera Lores comparteu este xoves un debate no congreso 'El futuro de las ciudades', celebrado en Logroño. CONCELLO

O alcalde de Pontevedra defendeu este xoves os desprazamentos a pé no foro El futuro de las ciudades, organizado polo Goberno central en Logroño como un punto de encontro para debater o papel das urbes logo da pandemia do coronavirus. "O transporte público é imprescindible nas grandes cidades, pero nas pequenas a idea principal debe ser camiñar", defendeu Miguel Anxo Fernández Lores, durante a súa intervención, na que recordou que a Organización Mundial da Saúde recomenda 10.000 pasos ao día. "O transporte público non debe parar diante da porta da casa. Non creo que estea mal andar un chisco dende a parada", sinalou.

O rexedor do BNG compartiu debate coa directora do Centro de Investigación do Transporte da Universidade Politécnica de Madrid, María Eugenia López Lambas; co alcalde de Zaragoza, Jorge Azcón; a vicerreitora de Responsabilidade Social Corporativa da Universidade da Rioxa, Fabiola Portillo, e con Damián Martín, alto cargo de Cooltra, unha firma dedicada ao aluguer de motos a particulares e empresas. E durante a súa intervención, da que informou o Concello a través dun comunicado, repasou outros asuntos como o uso do automóbil. "Nas cidades o que ten que haber son os coches imprescindibles", subliñou.

Antes do inicio da xornada e a preguntas da prensa, recollidas en castelán pola axencia de noticias EFE, Lores subliñou que se deben tomar "decisións políticas" para garantir un desenvolvemento urbano sostible. "Cada cidade debe buscar o seu propio modelo", reivindicou.

O alcalde de Pontevedra tamén recoñeceu que medidas como as peonalizacións "sempre" xeran un rexeitamento inicial por parte dos partidos da oposición, "pero iso é marrullería política". "Nunca se logra un consenso total, aínda que meses despois os veciños apoian nas urnas que sigas mellorando a súa calidade de vida", concluíu.

Comentarios