Lores invita a Pedro Sánchez a visitar Pontevedra

O alcalde envía unha carta ao presidente do Goberno instándolle a impulsar máis tramos da circunvalación, o nó de Bombeiros e a reapertura da vella sede de Facenda ►O rexedor nacionalista tamén solicita o respaldo do Estado para as obras do Museo Provincial e "apoio político" para recuperar os terreos que ocupa Ence en Lourizán
Miguel Anxo Fernández Lores. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Miguel Anxo Fernández Lores. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Miguel Anxo Fernández Lores acaba de enviarlle unha nova carta ao presidente do Goberno. O alcalde de Pontevedra, que xa remitiu unha misiva a Pedro Sánchez en xullo de 2018, despois de que triunfase a moción de censura contra o PP de Mariano Rajoy, reitera agora a invitación para que o líder socialista realice unha visita oficial á capital das Rías Baixas. O obxectivo do convite é tratar de desbloquear proxectos e obras pendentes na cidade. "Ten abertas as portas do noso concello, onde estariamos encantados de recibilo en canto a súa axenda llo permita", explica o rexedor do BNG no citado escrito, que este mércores fixo público o Concello. Nel recorda ao líder do PSOE que "a pesar das diferenzas políticas que nos poidan separar saiba que, desde a miña experiencia, é necesario buscar acordos que beneficien ao interese xeral; e para iso, a lealdade institucional é capital".

As prioridades que Lores envía por carta a Sánchez céntranse en cinco puntos. O primeiro afecta á autovía A-57. "Pontevedra é a única capital de provincia que non conta cunha circunvalación. Esta infraestrutura é básica para a conexión da cidade e para desviar tráficos innecesarios que agora pasan a escasos metros do centro urbano", expón.

"Agrádanme os compromisos con Galicia. Esperamos ter pronto unha folla de ruta para polos en marcha"

O alcalde recorda que, aínda que a obra do primeiro tramo, entre Vilaboa e A Ermida, está en marcha, o seu ritmo de execución "é moi lento". Así mesmo, reclama que se saquen do caixón o resto de trazados para completar esta vía de alta capacidade. Entre eles, o que discorrería integramente polo municipio, entre A Ermida e Pilarteiros, así como o que uniría este último núcleo con Curro, no municipio veciño de Barro.

O líder do BNG tamén ve necesario "desbloquear" a reforma do nó de Bombeiros, que considera "básico". A actuación, orzada en 6,22 millóns de euros, segue pendente da firma definitiva do convenio entre Fomento e a concesionaria da autoestrada, Audasa. A licitación chegou a anunciarse para verán de 2016, cando gobernaba o popular Mariano Rajoy. Aínda así, a obra segue sen concretarse.

Outro dos asuntos da axenda pontevedresa é a reapertura da sede provincial de Facenda, que permanece pechado desde 2010. "É un emblema situado no corazón do noso centro histórico. O seu estado cada vez máis degradado pola falta de uso dana o valor patrimonial do edificio e causa unha imaxe de descoido que non debemos permitirnos", explica o alcalde, que recoñece que a recuperación do inmoble "é custosa". No seu día calculouse que a rehabilitación da antiga delegación precisaría un orzamento de doce millóns de euros.

A intención do Concello é que a instalación manteña o seu uso público e recuperalo "canto antes para evitar que se siga degradando". Entre os posibles fins que se propuxeron para o inmoble, que ocupa unha superficie de 5.500 metros cadrados na Praza de Ourense, figuran converterse na sede de todos os arquivos de Pontevedra.

"Ten abertas as portas do noso concello, onde estariamos encantados de recibirlle"

O líder do BNG reclama ademais a posibilidade do apoio económico do Estado para as obras previstas no Museo Provincial, que xestiona a Deputación. "É unha das fortalezas da capital e conta con fondos museísticos valiosísimos. No entanto, o paso dos anos fixo madeixa nas súas dependencias situadas no centro histórico e obriga a unha remodelación de urxencia. O investimento prevese moi importante", expón a Sánchez.

ENCE. Na súa misiva ao presidente do Goberno, Lores ratifica a postura da maioría da Corporación municipal sobre o a localización de Ence en Lourizán. "O Goberno local defende a recuperación destes terreos para os usos propios dunha zona costeira e goce dos pontevedreses e pontevedresas e de toda Galicia, non para unha empresa que podería ter o seu emprazamento en calquera outro punto do territorio", expón o rexedor nacionalista, que pide o "apoio político" do Executivo central "nesta loita". Por este motivo, solicita que se realicen "todas as modificacións que fosen precisas para garantir a liberación destes terreos costeiros, paso fundamental para a rexeneración da ría de Pontevedra".

Outro dos asuntos que cita a misiva de Lores é acordo de investidura entre o BNG e o PSOE. Aínda que pasa no bico dos pés e non menciona de forma directa ningún punto, como a transferencia da autoestrada a Galicia e a bonificación do cento por cento das viaxes recorrentes (dúas ou máis ao día) tras a aprobación dos novos Orzamentos Xerais do Estado, o líder nacionalista valora aquel pacto de forma positiva. "Agrádanme especialmente os compromisos adquiridos con Galicia, xa que as demandas expostas son reivindicacións xustas e históricas. E esperamos que pronto teñamos unha folla de ruta para polas en marcha", destaca o alcalde pontevedrés.

O Concello ofrece a súa colaboración na loita contra o cambio climático
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, ofrece a Pedro Sánchez a colaboración do Concello nos retos ambientais. "Nun contexto como este de urxencia climática faise imprescindible tomar decisións que contribúan a un cambio de concepción na forma na que pensamos as cidades, por iso estamos á súa enteira disposición a colaborar no modo que o seu Goberno considere", expón o líder do BNG na carta.

"Agarimo" cara á capital
Lores tamén agradece o "agarimo" do Executivo cara á capital provincial polas invitacións para participar no Cume Mundial do Clima de Madrid e no desenvolvemento do novo código da Dirección Xeral de Tráfico.

Comentarios