Lores, sobre Monte Porreiro: "Estamos dispostos a negociar absolutamente todo"

O alcalde ratifica a postura de diálogo do Concello para executar reformas no barrio co obxectivo de mellorar a seguridade viaria e ampliar servizos básicos
Intersección entre las calles Alemaña y Grecia en Monte Porreiro. ARCHIVO
photo_camera Intersección entre las calles Alemaña y Grecia en Monte Porreiro. ARCHIVO

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ratificou este xoves –a preguntas da prensa durante unha visita á nova sede do GDR nos Campos, Mourente– a postura de diálogo do Concello para levar a cabo reformas en Monte Porreiro. O obxectivo é lograr o consenso veciñal para mellorar as condicións do barrio. "Nós queremos falar con todo o mundo e chegar a acordos con todo o mundo. E imos destinar todo o tempo posible para chegar a acordos con todo o mundo", afirmou. "Estamos abertos a negociar todo o que haxa que negociar dentro dunhs esquemas", dixo en referencia á aposta por sacar "o tráfico de paso" na urbanización.

O rexedor municipal reiterou que a obra de peonalización de parte da rúa Alemaña está suxeita a cambios. "Que o proxecto vaia máis alá ou máis atrás son temas que se poden debater dentro da filosofía global de mellorar a calidade de vida dos cidadáns para que teñan seguridade viaria ou accesibilidade universal", explicou.

Lores recoñeceu que Monte Porreiro necesita investimentos, mostrouse convencido de que "imos chegar a acordo" e apelou ao "aval" do Concello na posta en marcha de reformas urbanas durante as últimas dúas décadas. "As urbanizacións que se fixeron significaron unha mellora da calidade de vida en todos sentir. Dinamizamos barrios, zonas e rúas onde actuamos, que son máis apetecibles para vivir e para traballar".

As declaracións do rexedor do BNG prodúcense un día antes da concentración que este venres levarán a cabo os veciños de Monte Porreiro. Esta protesta, que incluirá o corte do tráfico da ponte de As Correntes a partir das 20.00 horas, contará coa presenza do PP. O seu presidente, Rafa Domínguez, confirmou este xoves a través dun comunicado de prensa que varios concelleiros do grupo popular estarán na protesta. "O BNG non se esconde: nunca quixo facer nada polo barrio. Pero o PSOE, que organizou unha reunión cos veciños de Monte Porreiro para dicir que estaban en contra da peonalización e logo votaron o contrario no Pleno. Mentiron á cara aos veciños", sinalou Domínguez.

A moción do principal partido da oposición solicitaba este luns ao Pleno a paralización da obra prevista polo Concello en Monte Porreiro, así como o investimento e dez millóns de euros para outras obras: dous millóns para o arranxo inmediato de beirarrúas e outras actuacións de mantemento e oito máis para a humanización do barrio.

Tanto nacionalistas como socialistas rexeitaron a iniciativa tras acusar ao PP de que o único obxectivo dos de Domínguez era buscar un "enfrontamento" entre os membros do bipartito, que lle botaron en cara que dos dez millóns de euros comprometidos pola Xunta Alberto Núñez Feijóo para a reurbanización do barrio quedaron no caixón.