ENTREVISTA

"Non é momento de curtas miras nin de protagonismos absurdos"

"Prudencia, sensatez e responsabilidade" para os políticos e "moitos ánimos" para a cidadanía. É o que receita Miguel Anxo Fernánez Lores cando se cumpren tres semanas dende a activación da alerta por coronavirus. "Como alcalde e como médico, o que máis me preocupa agora é a saúde das persoas", engade
Miguel Anxo Fernández Lores no seu despacho, na Alcaldía de Pontevedra. CEDIDA
photo_camera Miguel Anxo Fernández Lores no seu despacho, na Alcaldía de Pontevedra. CEDIDA

Hai tres semanas que se decretou o estado de alarma polo coronavirus. Estase a cumprir o confinamento en Pontevedra?
Si, coma sempre Pontevedra responde, tanto colectiva como individualmente, dunha forma solidaria e realmente estamos moi orgullosos e así o transmitín nas miñas comparecencias públicas, porque efectivamente é un feito real e é digno de resaltar. Creo que Pontevedra é consciente e entende que as medidas de confinamento son necesarias para reducir a duración e a extensión da pandemia e dos efectos negativos que comporta social e economicamente.

A Policía Local interpuxo xa máis fun cento de denuncias. Cales son os principais incumprimentos da veciñanza?
Nesta cuestión, a Policía Local está seguindo estritamente as directrices da Subdelegación do Goberno, que é a que está ao mando do operativo de seguridade no Estado de alarma e do confinamento das persoas que non teñen responsabilidades en servizos de emerxencia e esenciais. Pero o labor da Policía local e de Protección Civil está indo moito máis alá que o de control cidadá. Están facendo servizos humanitarios, atendendo chamadas de persoas para pedir que se acheguen ás casas das súas nais ou pais, xente de idade, porque eles non se poden achegar, repartindo comida aos máis vulnerables, levando deberes aos cativos e cativas dos colectivos máis desfavorecidos… Están sendo os nosos ollos aí fóra.

Os servizos de emerxencias
"Policía Local e Protección Civil fan servizos humanitarios e atenden ós máis vulnerables. Son os nosos ollos aí fóra"

Segue a ir todos os días polo Concello?
Si, agás os domingos, porque non está habendo emerxencias. Os demais días estou vindo porque estou á fronte do operativo que organizou o Concello para atender as necesidades e a coordinación dos servizos municipais neste momento de crise. É o momento de estar ao fronte das decisións para que todo funcione o mellor posible nestas condicións tan extremas e cambiantes día a día. Manter a interlocución coas outras administracións, manter reunións diarias coas concelleiras que están ao fronte dos distintos operativos, coñecer as novidades e necesidades… Xa me gustaría poder felicitar en persoa a todos os equipos que temos montados, pero xa chegará o momento. Agora a urxencia é prioritaria. Todos saben que teñen os meus máis agarimosos parabéns.

Que papel ten que xogar un alcalde nunha crise coma esta? Que é o que máis lle preocupa?
Menos do que me gustaría porque boa parte das competencias do Concello pasaron a estar baixo a tutela doutras administracións, sobre todo da central e da autonómica. Eu penso que o Concello podía ser máis eficaz e podería estar facendo máis se non tiveramos a intervención de ordes e contraordes doutras administracións. En canto ao que máis me preocupa, como alcalde e como médico en primeiro lugar está a saúde das persoas e, en segundo, as consecuencias sociais e económicas que se poidan derivar desta pandemia.

O Concello ofreceu aloxamento individual aos funcionarios que traballan en primeira liña para evitar posibles contaxios no seu ámbito familiar. Acolleuse algún empregado a esta medida?
Esta é unha medida preventiva. Nós contemplamos a peor das hipóteses e habilitamos os recursos necesarios para facerlle fronte. Afortunadamente, polo momento, non foi necesario o seu uso.

A colaboración institucional
"Puxemos a disposición da Xunta diversos equipamentos culturais, sociais e deportivos. Tamén un hospital de campaña"

Pontevedra dispón dun hospital de campaña. Que capacidade tería? Ofrecéuselle á Xunta ou ao Estado este servizo?
Como dixen antes estamos baixo a subordinación da Xunta e desde o primeiro momento puxémonos á súa disposición para buscar todos os recursos posibles para que valoren facer uso deles. Neste sentido, teño que dicir que hai moito traballo feito que non transcende publicamente, de poñer a disposición da Xunta diversos equipamentos culturais, sociais e deportivos, e por suposto, tamén o hospital de campaña. Nós temos a responsabilidade de buscar eses recursos e cumprímola. O exemplo máis coñecido é o do Recinto Feiral que puxemos a disposición do Sergas para que se realicen alí os test do Covid-19 para toda a área sanitaria de Pontevedra e do Salnés.

O Goberno local anunciou un plan de choque de 15 millóns de euros para despois da corentena. Barállanse novas medidas extraordinarias? Cales?
Nós temos a vontade firme e decidida de utilizar os recursos municipais, que poderían chegar ata os 20 millóns de euros, para reactivar a economía local e farémolo se se derroga a Ley Montoro. A derrogación desta lei permitiría suprimir o teito de gasto e que os Concellos dispoñan do superávit e dos remanentes para reactivar a economía local. Pero estamos vendo que existe o perigo, que se está a falar de que o Estado quere financiar as medidas que están adoptando eles confiscando os cartos do aforro dos concellos. Así que pola nosa parte, a vontade existe pero veremos se é posible.

O PP, que ata agora mantiña o apoio ás decisións do bipartito, empezou a suxerir certas críticas. Solicita a suspensión das taxas da auga e do lixo. Será posible?
A Fegamp (Federación Galega de Municipios e Provincias) vén de aprobar por unanimidade, incluído o PP, o seguinte: nestes momentos todas as enerxías deben volcarse en resolver a crise sanitaria e despois en todas as medidas económicas que non comprometan a capacidade dos concellos de prestar servizos. De todos os xeitos, todas as posibilidades están sobre a mesa.

Medidas fiscais e de outro tipo
"Temos a vontade firme de usar os recursos municipais para reactivar a economía local. Todas as posibilidades están na mesa"

Pontevedra é unha cidade cunha importante compoñente de servizos e moitos negocios xa están afogados polo peche da sua actividade. Volverá a recesión?
Recesión seguro que a vai haber, en Pontevedra, en Galicia e posiblemente en todo o mundo, e prevese bastante dura. A incógnita é como sairemos dela e en canto tempo. Mais agora mesmo a prioridade é saír da pandemia e o máis pronto posible.

Ence está a reivindicar o seu papel como industria "esencial" nesta crise sanitaria. Que lle parece?
Fantástico. A pasta de papel é necesaria pero non que a planta estea ubicada na ría.

Cre que o Goberno de Pedro Sánchez está a xestionar ben esta crise? E o da Xunta de Feijóo?
Vou morder a lingua e ser prudente porque nestes momentos o que máis se necesita é prudencia por parte dos responsables políticos e paciencia por parte da cidadanía. Cando esta crise se supere, falaremos do papel dos gobernos.

Que lle pediría vostede aos políticos, en particular, e á cidadanía, en xeral?
Aos políticos pídolle prudencia, sensatez e responsabilidade. Que utilicen as luces longas, porque non é o momento de plantexamentos de curtas miras nin de protagonismos absurdos. Á cidadanía quero agradecerlle, unha vez máis, a súa paciencia, transmitirlle unhamensaxe de ánimo para continuar co confinamento e felicitala polo comportamento exemplar que está tendo nestes momentos. Tamén quero aproveitar para facer unha mención especial a todas as persoas de sectores esenciais que están posibilitando co seu traballo que poidamos manter un mínimo de normalidade nas nosas vidas

Comentarios