Lores únese á fronte municipal contra a "incautación" dos aforros dos concellos

O seu socio de Goberno, o socialista Tino Fernández, asegura que a participación do alcalde neste encontro contra o Decreto Lei proposto polo PSOE non xera ningunha tensión no equipo, cuxa unión cualifica como "sólida"
2020080811294035663
photo_camera Lores durante a reunión telemática de venres.

O Concello de Pontevedra únese á fronte municipal contra o Ministerio de Facenda. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, participou venres nunha reunión telemática con outros nove alcaldes de capitais de provincia ou cidades de máis de 100.000 habitantes para pór en marcha unha reacción ao plan de Facenda de incautar "os remanentes municipais", tal e como o definiu o propio alcalde.

Deste xeito, este encontro é unha resposta ao proxecto de Facenda, validado polos alcaldes socialistas da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), de facerse cos aforros dos municipios e devolverllos nun prazo de 17 anos. "A nosa proposta non é outra que a derrogación da Lei", explicaba o alcalde referíndose á postura dos nacionalistas en Pontevedra, que pasa por eliminar o teito de gasto establecido polo anterior ministro de Facenda para controlar a saúde económica dos concellos.

Fernández Lores: Non é unha repartición de 5.000 millóns, senón unha incautación

Na reunión participaron alcaldes de todos os signos políticos excepto o PSOE e das cidades de Madrid, Granada, Cádiz, Valencia, Bilbao, Zaragoza, Murcia, Reus e Santa Cruz de Tenerife, ademais de Valencia, que apoia o contido da mesma a pesar de non poder acudir á cita. O rexedor pontevedrés resumiu nunha comparecencia posterior os puntos de acordo aos que chegaron os mandatarios de todas estas cidades, de signos políticos moi diferentes. O primeiro deles é que os concellos deben ter acceso a financiamento directo independentemente da súa situación económica. "Todos saímos prexudicados con este plan, teñamos ou non remanentes, aos que os temos incáutannolos e devólvennolos nun prazo de tempo moi longo, e aos que non os teñen non lles queda dereito a axudas", explicaba venres Lores.

Deste xeito, os alcaldes con aforros no banco piden poder acudir a eles sen limitacións e levantando o teito de gasto, que implica non poder gastar máis dun 3% que no exercicio anterior, en 2021. "Levamos anos cumprindo coa lei Montoro, tendo superávit, e agora que temos un peto non podemos utilizalo", explica o alcalde. Con todo, asegura que, aínda que Pontevedra sexa un municipio con aforros, tamén quen non ten remanentes teñen que poder acceder a fondos para facer fronte á crise. "Hai concellos con herdanzas envelenadas que necesitan tamén recursos para facer fronte a esta situación", defendeu o alcalde.

Lores tamén sinalou que esixen que se defina o acceso dos concellos aos fondos europeos destinados a paliar a crise da covid. "Estes posicionamentos vanse trasladar aos responsables políticos de Facenda e aos demais concellos para que se unan ás nosas peticións", explicou venres o alcalde, que insistiu en que a medida exposta polo Goberno central "non é unha repartición de 5.000 millóns de euros, senón unha incautación de 14.000", indica. Para Lores e os alcaldes cos que compartiu a reunión de venres, o plan "viola a autonomía municipal" e prometen volver reunirse en setembro. Así, reclaman tamén autonomía á hora de decidir a que se deben dedicar os fondos dos concellos.

Aínda así, a cesión dos remanentes que propón Facenda é sempre voluntaria e implica unha devolución por parte do Goberno nun dilatado período de tempo. Iso si, se os municipios non ceden os seus remanentes, tampouco teñen a posibilidade de usalos, xa que continúa vixente a lei de estabilidade orzamentaria que limita aos concellos á hora de botar man dos seus aforros ou, se non os teñen, acudir a créditos.

Tino Fernández: Falar de incautación é esaxerado porque a cesión é voluntaria

"Niso estamos de acordo, hai que derrogar a lei Montoro", apunta o socio de Goberno de Lores, o socialista Tino Fernández. A pesar da tensión que podería xerar a adhesión do nacionalista á fronte de alcaldes que esixe unha rectificación ao Ministerio de Facenda, Fernández asegura que a relación é boa e non prevé que vaia deteriorarse por esta cuestión. "O alcalde tivo o detalle de comunicarme venres que ía participar nesta reunión e eu respéctoo, ou acordo de Goberno é sólido", destaca.

Ademais, Fernández confía en que o acordo sufrirá modificacións no seu trámite parlamentario xa que, previsiblemente, os números non dan para a súa aprobación no Congreso. "Falar dun documento que vai pasar polo Congreso non ten moito sentido aínda, o lóxico é esperar a que se produzan as modificacións que seguro que se farán", apunta o socialista. Do mesmo xeito, sobre a proposta de Facenda, indica que "non se pode falar de incautación porque é algo esaxerado e, ademais, a participación é voluntaria".

Comentarios