Lores ve a Salustiano Mato un candidato "espléndido" para o BNG en Vigo

O alcalde pontevedrés considera que o exreitor da UVigo ten "posibilidades" de lograr que o Bloque "recupere as posicións que non debemos perder" na cidade olívica

Lores durante el desayuno informativo. CHRISTIAN FERNÁNDEZ
photo_camera Lores durante o almorzo informativo. CHRISTIAN FERNÁNDEZ

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asegurou que o exreitor da Universidade de Vigo Salustiano Mato sería un candidato "espléndido" para o BNG en Vigo de cara ás próximas eleccións municipais de 2019. Nun almorzo informativo que ofreceu este mércores como inicio do curso político, o rexedor cualificou a Mato como unha persoa "innovadora", á que ve "con posibilidades" de lograr que o Bloque "recupere as posicións que non debemos perder en Vigo".

Co exreitor á fronte, engadiu o alcalde pontevedrés, os nacionalistas contarían cun "bo equipo" co que "entrar con forza" no consistorio vigués. "A cidade máis importante debe ter unha representación ampla do nacionalismo", afirmou Fernández Lores.

En todo caso, o primeiro edil de Pontevedra sinalou que "non é unha decisión que eu teña que tomar", senón que corresponde aos "compañeiros de Vigo" e á dirección nacional do partido, e que a súa é "tan só a miña opinión".

Vigo é, a día de hoxe, a única gran cidade galega onde os nacionalistas non anunciaron quen será o seu candidato ás eleccións municipais do próximo ano.

Comentarios