Os traballadores de Elnosa, "tranquilos" despois da compra dunha fábrica en Torrelavega

Desde o comité de empresa opinan que a operación "non supón que deixen de apostar por Pontevedra"
Instalaciones de la electroquímica en Lourizán
photo_camera Instalaciones de la electroquímica en Lourizán

O comité de empresa de Elnosa asegurou este luns que os traballadores da planta que a compañía electroquímica ten en Pontevedra están "tranquilos" tras a compra por parte do grupo portugués CUF, propietaria da fábrica pontevedresa, dunha factoría similar en Torrelavega, en Cantabria.

A compra da electroquímica Solvay, na que se calcula que CUF gastará uns 40 millóns de euros, "non supón que deixen de apostar por Pontevedra", afirmou o presidente do comité de empresa, Avelino García.

Segundo os representantes sindicais, a dirección quere manter a produción de 60.000 toneladas de cloro anuais na fábrica adquirida e seguir co mesmo plan en Elnosa en Lourizán, mantendo os postos de traballo polo menos ata decembro de 2017, data na que vence a concesión de Costas e a súa autorización ambiental.

Os traballadores aseguran que mentres tanto seguirán coas protestas "sorpresa" contra o Concello de Pontevedra, que rexeita a súa continuidade na ría, e reiterarán a petición para que a Xunta declare os seus terreos como supramunicipais para esquivar a normativa urbanística municipal e poder continuar na súa actual localización.

"Temos tanto dereito coma Ence para estar", afirmou Avelino García, que destacou que os traballadores da cloreira "estamos encantados de que lle deran unha prórroga de 60 anos, pero nós tamén a queremos", xa que insistiu en que ambas as compañías "estamos nas mesmas condicións".

Comentarios