Ludoverán aumenta a 1.600 as prazas deste ano

O programa de ludotecas é, segundo o Concello de Pontevedra, un éxito non só pola súa calidade senón polo feito de que a conciliación familiar é unha materia pendente
Carmen Fouces y Roxelio Carballo (derecha)
photo_camera Carmen Fouces y Roxelio Carballo (derecha)

A concellería de Educación de Pontevedra, que cada ano organiza xunto a Fanpa–Pontevedra o programa de lecer Ludoverán, ampliará este ano a oferta de prazas ata as 1.600 ante a alta demanda e o éxito das anteriores convocatorias. A crecente participación é entendida desde o consistorio como unha mostra, non só do bo facer dos organizadores, senón tamén de que a conciliación familiar é unha materia pendente. "Existe unha evidente disfunción entre o horario escolar e a política de conciliación", destacou a concelleira de Educación, Carmen Fouces, que non quixo deixar de lado a "alta calidade" en canto a oferta de lecer e atención prestada nas ludotecas infantís.

Tamén o presidente de Fanpa-Pontevedra, Roxelio Carballo, fixo fincapé no seu compromiso coa conciliación, que queda reflectido no feito de que cada ano teñan que aumentar a oferta e incrementar os recursos. "Non se deixa a ninguén fóra", engadiu Carballo. De feito, apuntáronse 90 nenos máis este verán.

Ludoverán abarca 12 ludotecas, 1.600 prazas e 82 monitores, dos cales 10 centraranse en atender a nenos con necesidades especiais, unhas cifras que o Concello considera que avalan a amplitude do programa de lecer."Este é o futuro das ludotecas, o camiño a seguir" mantén a concelleira Carmen Fouces, quen aposta por aproveitar os espazos naturais próximos á poboación para actividades lúdicas e educativas, un punto de vista que comparte con Fanpa.

Comentarios