As obras de rehabilitación integral da rúa da Torre que tiveran que ser retrasadas ao identificarse unha nave en perigo de derrube e que ameazaba con caer á vía pública xa teñen a autorización da Concellaría de Obras Urbanas.
O departamento que dirixe Demetrio Gómez actuará na propiedade que estaba situada no número 5 desta rúa e que tivo que ser demolida para garantir a seguridade tanto na vía pública como no desenvolvemento das obras.
Convén lembrar que esta situación de perigo fora detectada hai dúas semanas, cando estaba previsto que comezaran as obras inicialmente, e a propiedade da nave fora instada por parte do Concello a ocuparse da demolición da edificación. Os traballos para derrubar a nave demoraron o inicio das obras na rúa ao redor de 15 días.
Esta intervención implica a rehabilitación integral do firme con plataforma única, o calmado do tráfico e a renovación da iluminación pública. O deseño desta intervención será similar ao das vías rurais de Pontevedra por ser o que mellor se adapta á configuración da rúa.
As obras, cun orzamento de 91.499,99 euros e un prazo de execución dun mes, enmárcanse dentro do plan de actuacións no Barrio do Burgo que, entre as xa executadas, as que están en execución e as previstas no curto prazo, supoñen un investimento total de 2.850.000 euros.
Entre as rehabilitacións integrais neste barrio, ademais da rúa da Torre, convén lembrar que están previstas a reforma do parque de Pasarón e a reforma da rúa da Santiña para dotala de plataforma única e darlle un tratamento similar ao resto do Camiño de Santiago ao seu paso pola cidade, así como a reordenación do tráfico para limitalo ao estritamente necesario para o funcionamento do barrio.