Luz verde ao plan para que Pontevedra sexa un destino turístico intelixente

O proxecto, promovido pola Deputación, contempla medidas para situar a provincia no escaparate internacional e xerar un negocio duns 20 millóns de euros en tres anos
undefined
photo_camera Un grupo de persoas tomándose unha foto na Praza de España. RAFA FARIÑA

A Deputación de Pontevedra aprobará o vindeiro venres o II Plan Estratéxico Provincial de Turismo, logo de ser validado anteriormente pola mesa de Turismo. Trátase dunha folla de ruta que define a reactivación do sector para os próximos tres anos.

Segundo informa a Deputación, o documento do que se fala é un marco, extenso, onde se asenten as distintas bases para a reactivación do sector turístico no destino Rías Baixas, con duración de tres anos e prevese un movemento económico de arredor de 20 millóns de euros.

Consolidar a provincia de Pontevedra como destino turístico intelixente é o obxectivo deste plan de estratexias. A meta está aliñada coa Axenda do 2030 e que se conseguirá a partir de grandes eixos como a promoción e comunicación, a oferta ao turista e a competitividade entre os destinos.

Desde un punto de vista global, inténtase potenciar o turismo como medio para mellorar a calidade de vida dos cidadáns, reforzando o posicionamento da localidade como espazo con identidade propia, sostible, de calidade e singular.

A proposta ten como meta perfeccionar a exposición do destino fronte aos diferentes segmentos no mercado, converter as Rías Baixas, e polo tanto a provincia, nun destino intelixente recoñecido internacionalmente.

O plan nutriuse de 12 mesas temáticas e entrevistas persoais a expertos

Para a elaboración deste plan, levou a cabo unha metodoloxía participativa de 12 mesas temáticas, ademais de entrevistas persoais a máis de 100 expertos do ámbito provincial, nacional e internacional.

As estratexias do documento fan unha especial aposta pola dixitalización e sustentabilidade, mediante ferramentas tecnolóxicas, como a Intelixencia Turística, Big Data e Intelixencia Artificial como potenciadores do sector turismo.

Ademais, o texto recolle que o presente e o futuro do turismo en Rías Baixas pasa potenciar a sustentabilidade en diferentes dimensións, tendo en conta os novos escenarios nos que se insere a industria turística, nos que se debe aprender a xestionar a incerteza ante a innovación, e por outra banda, traballar pola inclusión das persoas e a igualdade de oportunidades, debe ser un axente creador e impulsor de empregos.

O Plan Estratéxico ten unha estimación orzamentaria de 16 millóns de euros no período 2021-2030 así como tamén a incorporación de fondos europeos que permitirán a mobilización de ata 20 millóns de euros no desenvolvemento das accións.

Preséntanse ata sete grandes obxectivos: algúns dos máis destacados está o desenvolvemento dun acervo metodolóxico adaptado ás necesidades; fortalecer a capacidade institucional; reducir a fenda dixital; consolidar os esquemas colaborativos públicos-privados; converxencia do orzamento a favor do obxectivo; e maximizar o valor de marca (o destino).

Desde a música á gastronomía, pasando por viño, castelos e camelias
Entre os 46 plans de actuación con 269 accións operativas descritas como as rutas do plan estratéxico, os elementos máis identificativos da provincia destacan como a clave para lograr o obxectivo. Como os festivais de música, os castelos, o enoturismo ou a gastronomía, a ruta da camelia, a ornitoloxía, ou as diferentes opcións para realizar o Camiño de Santiago ao seu paso pola provincia.

Á súa vez, están incluídos outros tipos de accións que están dirixidas na súa totalidade ao ámbito competitivo, tal como o Sicted, os workshops e feiras de promoción, o programa Smartpeme, a rede de oficinas de turismo, os programas de fondos europeos e actos de comunicación e promoción, como o programa de sensibilización ao sector sobre a sustentabilidade, entre outros.

Comentarios