Máis de 400 persoas arrouparán este martes aos Pontevedreses do Ano

Autoridades e invitados de todos os ámbitos celebrarán xunto aos premiados un evento que, tras a pandemia, recupera todo o seu esplendor

 

 

undefined
photo_camera A gala de 2021 celebrouse en novembro a causa das restriccións pola pandemia. RAFA FARIÑA

Depués de dous anos de restricións impostas pola pandemia, a gala dos Premios Pontevedreses recuperará este 2022 o seu carácter de evento multitudinario. Será mañá cando o Auditorio de Afundación acollerá esta cita que, nesta ocasión, reunirá a máis de 400 persoas da esfera política, empresarial, cultural, social, deportiva, dos medios de comunicación e doutros ámbitos.

Os galardóns que entrega Diario de Pontevedra, co patrocinio de Abanca e airCO2, recoñecerán este ano valíaa de Rosario Álvarez Branco, a presidenta do Consello da Cultura Galega, que recibirá o premio honorífico; a empresa Informática Landín, o Grupo Deportivo Supermercados Froiz, o escritor Manel Loureiro na categoría de Cultura; a Asociación ASSEII polo seu labor social; e Marisol Soengas, científica biológa especializada en microbiología, que será galardoada na categoría de Universidade e Investigación.

Para arroupar a todos eles, celebrarase unha gran gala presidida pola presidenta editora do Grupo O Progreso, Blanca García Montenegro, e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.

Do ámbito da política autonómica tamén asistirán diversos conselleiros e directores xerais, entre eles o vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo; o de Sanidade, Xullo García Comesaña; e a de Política Social e Xuventude, Fabiola García Martínez; así como o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices. Estará, así mesmo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, e numerosos deputados do Parlamento galego.

A política provincial e municipal tamén estará representada na figura da presidenta da Deputación, Carmela Silva; deputados, alcaldes, tenentes de alcalde e concelleiros, entre eles o rexedor de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e unha ampla representación da Corporación do Concello da capital; ademais doutros moitos concellos.

Do mundo da empresa non faltarán a esta cita a Cámara de Comercio, a Confederación de Empresarios de Galicia e a de Pontevedra, Aempe, AJE, Foro Empresa, diferentes Autoridades Portuarias, a Federación Provincial de Comercio, a Federacion de Empresarios de Arousa e un amplísimo abanico das principais firmas da provincia.

Do ámbito social estarán o Liceo Casino e o Casino Mercantil, o Ateneo de Pontevedra e o de Marín, a Federación de Vecinos Castelao, Cruz Vermella, a AECC, Protección Civil, a Asociación Xoán XXIII, a Asociación de Familias de Enfermos de Alzheimer, a Sociedade Ximnástica, a Cidade Infantil Príncipe Felipe, Amigos do Camiño Portugués, a Asociación de Amas de Casa, a Federación Galega de Caza e Cáritas, así como varios colexios oficiais, entre eles os de Médicos, Arquitectos e Avogados, xunto a outras entidades.

Tamén haberá unha ampla representación do mundo da cultura, a educación e a investigación, a través da Universidade de Vigo, o Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, a UNED, a Misión Biolóxica de Galicia, a Fundación RAC, o Museo de Pontevedra, a Cidade da Cultura ou Os Salgueiros.

Do ámbito militar e das forzas e corpos de seguridade estarán o subdelegado de Defensa, a Escola Naval de Marín, o Centro Universitario de Defensa, a Brilat, a Policía Nacional, a Garda Civil, a Policía Local e o Servizo de Extinción de Incendios.

A todos eles uniranse representantes do mundo dos deportes, os medios de comunicación e outros ámbitos.

Comentarios