Máis de 700 galegos opositan estes días no CGTD

As medidas de seguridade pola covid-19 marcan a loita por unha das 119 prazas temporais de auxiliar de Policía Local 
2020062612050545631
photo_camera Imaxe dos aspirantes. DAVID FREIRE

Baixo estritas medidas de seguridade conforme aos protocolos establecidos para previr contagios de coronavirus celebráronse este xoves as primeiras probas de oposición a nivel autonómico que se desenvolven despois do estado de alarma. Pontevedra, a cidade con menor incidencia do virus da comunidade autónoma, é desde o xoves o escenario das primeiras cribas en busca dunha das 119 prazas temporais de auxiliar de Policía Local que ofrece a Agasp (Academia Galega de Seguridade) e que se están desenvolvendo nas instalacións do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD).

Os máis de 700 aspirantes (máis do dobre que o ano pasado) preséntanse ás portas do Estadio en quendas de 24 tras un precinto de seguridade e ataviados con máscaras de protección. As bases da convocatoria fixan os dous exercicios obrigados para todos os aspirantes, que servirán para reducir o número de opositores que poderán enfrontarse á proba teórica, un test de 50 preguntas que separará o po da palla. A gran diferenza respecto de convocatorias pre-pandemia é que a Agasp non convoca a todos á vez, senón que o fai por grupos e cada 45 minutos, o que carrexa que as probas manteñan ocupado o CGTD durante dous días, o xoves e o venres.

A primeira proba física (eliminatoria) é salto vertical, cuns mínimos que varían se se trata de mozos ou de persoas de máis idade, sendo a dificultade moito maior canto máis cerca se está dos 18 anos, e a facilidade maior para mulleres e maiores de 45.

Os que superan con éxito o reto do impulso enfróntanse aos 1.000 metros lisos, unha distancia alcanzable para todos os que acudan nunha aceptable forma física (que son a gran maioría) tendo en conta os tempos que se piden, non demasiado esixentes.

Os resultados de ambas as probas non suman para a nota final, pero se non se superan os mínimos son eliminatorios. Ademais, os tempos serán decisivos en caso empate no exame teórico, algo que sucede en ocasións en oposicións tan concorridas como a presente.

A xornada deste venres servirá para que conclúan a súa participación todos os aspirantes (calcúlase que a metade, uns 350). O concello que ofrece máis prazas na presente oposición é o de Sanxenxo, con 33. Ademais, os que non consigan un posto entre os 119 mellores quedarán nunha lista de espera que se move con facilidade, polo que moitos poderán traballar.

Comentarios