Máis de 8.000 persoas visitaron o salón Etiqueta Negra

Case mil persoas participaron nas catas e na viñoteca e outras 116 inscribíronse nalgún obradoiro

Multitude de público na última xornada de Etiqueta Negra. GONZALO GARCÍA
photo_camera Multitude de público na última xornada de Etiqueta Negra. GONZALO GARCÍA

O salón gourmet Etiqueta Negra, organizado polo Concello de Pontevedra,  pechou este luns as súas portas cunhas cifras de récord, con 8.360 visitantes ao longo das súas tres xornadas. 

Sengundo informou a organización, nesta terceira edición do salón, aumentou tanto o público xeral e profesional, como o número de produtores que apostaron por Etiqueta Negra como ecaparate para dar a coñecer os seus produtos.

A cita gastronómica contou con 92 actividades e a participacións de chefs como (Casa Solla), Lucía Freitas (A Tafona), Iñaki Bretal (O Eirado da Leña), Héctor López (Restaurante España), o chef mexicano Rómulo Mendoza (Roldán 37), Diego López (La Molinera) –co patrocinio do Concello de Lalín–, Rubén González (El Cafetín de la Alameda), Ketty Fresneda, finalista de Masterchef 6, e Benigno Campos, presentador e cociñeiro do programa Larpeiros quen realizaron os showcookings, a meirande parte deles, empregando produtos expositores participantes.

A zona de catas e a viñoteca acolleron un total de 54 degustacións que rexistraron un aforo completo.  Os talleres de formación con inscrición e pago previo tamén tiveron unha grande acollida. Cinco dos cursos –o de iniciación ao aceite de oliva, o de Enchilando a Galicia (promovido por Supermercados Gadis), o de tortillas e salsas mexicanas, o de iniciación a barista e o de empratado da man do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra– quedaron sen entradas dispoñibles e os outros dous –o de Como preparar un bo café na casa e Do prato á rede– rexistraron un 75% da súa capacidade. En total foron 116 as persoas que se inscribiron nalgún dos sete talleres celebrados.

Etiqueta Negra 2018. GONZALO GARCÍA
Showcooking no salón Etiqueta Negra. GONZALO GARCÍA

Máis de 1.200 alumnos e alumnas de centros de ensino de hostalería, restauración, dietética e nutrición ou cociña asistiron este luns á última xornada de Etiqueta Negra, procedentes, ademais da cidade de Pontevedra, de Vigo, Santiago, Ferrol, Vilagarcía de Arousa, O Grove, Pobra do Caramiñal, As Neves, Soutomaior ou de Viana do Castelo, en Portugal.

Por outra banda, expositores e distribuidores mantiveron intercambios comerciais no Punto de Encontro Profesional no que se celebraron máis de 350 reunións de traballo. Esta zona cedeuse aos expositores de maneira gratuíta como apoio para facilitar o acceso a novos mercados e a expansión dos seus negocios. Para desenvolver estas axendas de reunión contactouse con máis de 160 distribuidores de alimentación e bebidas, 325 tendas gourmet de Galicia e de fóra, e 200 restaurantes, hoteis, empresas de cátering e casas rurais. 

Salón Etiqueta Negra 2018. GONZALO GARCÍA
Un dos expositores do salón. GONZALO GARCÍA

En total, máis de 100 expositores deron a coñecer e venderon os seus produtos nunha superficie feiral que creceu un 35% con respecto á anterior edición.

Organizada polo Concello de Pontevedra, esta feira profesional conta co patrocinio principal de Mahou, así como da Deputación de Pontevedra e da Mancomunidade do Salnés. Tamén colaboran nesta terceira edición a empresa de deseño e fabricación de mobiliario gourmet Tawi, Gadis, o CIFP Carlos Oroza, Gráficas Anduriña, Froiz e Galeo.