Máis de medio século de paixón pola Micoloxía en Bueu

A Agrupación Micolóxica Naturalista Liboreiro naceu a raíz do interese dun grupo de amigos en coñecer máis a fondo o mundo da micoloxía. Agora, por primeira vez vense na obriga de suspender as súas tradicionais Xornadas Micolóxicas -que cumprirían 23 anos- pola covid-19, pero invitan á xente a saír a recoller setas e cogomelos
Helvella juniperi, unha especie de seta catalogada por Liboreiro. SANTY CORRAL
photo_camera Helvella juniperi, unha especie de seta catalogada por Liboreiro. SANTY CORRAL

Coa chegada do outono é moi común ver polo monte a persoas na caza de cogomelos, unha práctica máis que arraigada na cultura galega nestas datas. Pero esta costume, así como o interese pola micoloxía, perdura no tempo grazas ás asociacións que estudan esta disciplina. É o caso da Agrupación Micolóxica Liboreiro de Bueu, que naceu o século pasado a raíz do interese que tiña un grupo de amigos en coñecer máis a fondo o mundo da micoloxía,

"Daquela, acabamos constituíndonos como Agrupación Micolóxica Naturalista Liboreiro, en gran parte grazas a inquedanza do divulgador e fomentador de agrupacións micolóxicas por toda a xeografía galega Antón Patiño Regueira. Foi membro de honra da nosa agrupación, e sempre lle estaremos moi agradecidos polo apoio e colaboración, sobre todo nos primeiros anos da nosa andaina", explican Helena Rodríguez e Santy Corral, membros da asociación

Nestes momentos, Liboreiro está composto por cerca dunha ducia de socios activos permanentes, pero "normalmente cada ano apúntase xente nova con interese no mundo da micoloxía, pero tamén as circunstancias persoais e laborais de outros fan que teñan que deixar de participar, así que as persoas si que van variando ano tras ano". 

XORNADAS MICOLÓXICAS. Entre as diferentes actividades que realiza Liboreiro, a máis tradicional da agrupación son as súas Xornadas Micolóxicas, que naceron hai 23 anos polo interese dos membros da agrupación en avanzar no coñecemento das diversas especies ou grupos de cogomelos que se podían atopar no Morrazo ou noutras partes de Galicia.

Cando naceron as xornadas, Liboreiro era a única agrupación micolóxica na bisbarra, aínda que antes houbera unha agrupación en Cangas e outra en Marín, polo que "traer bos poñentes e atraer ao público de outras agrupacións micolóxicas permitía o intercambio de coñecementos e experiencia". 

O obxectivo fundamental das xornadas era dar a coñecer aos veciños da contorna o amplo e diverso mundo dos fungos. "Pensamos que co tempo que levamos facendo as xornadas parte xa o conseguimos, agora seguimos a ter a mesma curiosidade que cando empezamos", indican Rodríguez e Corral.

Este ano será o primeiro de toda a súa historia que as xornadas non se celebren por mor da covid-19. A Agrupación xa tiña prácticamente pechado o programa deste ano. "Tiñamos no programa unha charla que falaría sobre os cogomelos do Morrazo e os seus hábitats, e tamén outra sobre os cogomelos dos sistemas dunares do Morrazo", anotan.

Concretamente, na comarca do Morrazo hai moitas especies "que son únicas deste microclima especial que temos na bisbarra". Algunhas destas especies de cogomelos ata agora só apareceron na comarca. "Non sabemos doutras citas en Galiza", reflexionan os membros de Liboreiro. Algunhas destas especies únicas do Morrazo son Mycena chlorophos, Gymnopilus luteofolius, Fomitopsis iberica ou Monilinia johnsonii. De feito, hai un membro da asociación que está desenvolvendo un amplo catálogo dos cogomelos do Morrazo, que cada ano aumentan.

Que facer á hora de saír ao monte a por cogomelos?

A Agrupación Micolóxica Liboreiro fai unha serie de recomendacións á hora de sair ao monte:
Comezar con paciencia
"A nosa primeira recomendación é que, se un se está iniciando, teña moita calma e non se de moita presa en empezar xa comendo cogomelos".
Coller pouca cantidade
"Moi importante é recoller só uns poucos exemplares en boas condicións, rexeitando os máis novos e os mais vellos".
Deixar os restos
"No monte xa debemos de limpalos canto máis mellor, as partes que non imos consumir deben quedar na mesma localización onde as apañamos, por exemplo os aguillóns, os poros, as bases dos pes con terra, etc".
Levar cesta e navalla
"Como de costume levar un cesto de vimbio, unha navalla e unha cámara de fotos a ser posible".
Extraer a peza enteira
"Á hora de coller o cogomelo debemos de extraelo enteiro e logo tapar ben o burato que fixemos para non danar o micelio".
Non coller con dúbidas
"En caso de dúbida deixalo no monte". 

Comentarios