Manquiña será o pregoeiro da Festa da Ostra o próximo fin de semana

O Concello de Soutomaior manterá o prezo das racións, a cinco euros a ducia

O Concello de Soutomaior presentou onte a XXIX Festa da Ostra, que se celebrará o primeiro fin de semana de abril en Arcade e que ofrecerá o produto emblema do concello ao mesmo prezo que tivo nos últimos anos para garantirse a asistencia de público. O equipo de Agustín Reguera aspira a reunir 30.000 asistentes e repartir 100.000 exemplares do bivalbo. O Concello espera superar estas cifras o próximo fin de semana grazas ao bo tempo previsto e á coincidencia do evento coas últimas datas da Semana Santa.

Un dos referentes desta edición será o espectáculo gastronómico, ‘Show Cooking’, que, de man de tres recoñecidos cociñeiros, ofrecerá formas novas de presentar a ostra.

Outra das novidades que máis chama a atención cada ano é a lectura do pregón, case sempre, confiada a un artista ‘con gancho’. O caso deste ano non será menos, e o encargado de animar aos comensais a que devoren máis ostras será o actor e humorista Manuel Manquiña.

A edil de Turismo, Dores Cernadas, que acompañou ao alcalde no acto de presentación, onte, expresou o gran esforzo realizado para manter o prezo das ostras e as botellas de viño. A ducia de ostra ao natural ou en escabeche, mantense en cinco euros mentres que as botellas de albariño custarán oito euros e catro euros as de ribeiro. Tamén se poderán adquirir racións de empanada por cinco euros. «O máis importante é que todo o mundo poida participar na celebración. Somos conscientes da actual situación económica e non queriamos que fose inconveniente para que todos os veciños poidan participar», manifestou a concelleira.

A celebración comezará o sábado 4, ás 12.00 horas, coa apertura das casetas de venda de ostras no recinto da festa. Ao redor da unha do mediodía dará comezo a demostración gastronómica a cargo dos cociñeiros Alejandro Igrexas, Rocío Garrido e Fran Sotelino, natural de Soutomaior, ás 22.00 horas, a música das orquestras ‘Olympus’ e ‘Capitol’ amenizará a verbena e, a medianoite, celebrarase a tirada de fogos artificiais.

O domingo 5, día grande dos festexos, as casetas de venda de ostras abrirán as súas portas dúas horas antes, ás dez da mañá. A continuación, as bandas de música ‘Artística de Arcade’ e ‘Cultural de Arcade’ exhibirán os seus dotes polas principais vías da poboación. ás 13.00 horas terá lugar a lectura do Pregón, que este ano correrá a cargo de Manuel Manquiña. A festa terminará coa charanga NBA.

Carreira. O alcalde defendeu o valor desta festa, declarada de Interese Turístico, como medio para atraer a miles de visitantes cada ano. De feito, para aumentar a súa capacidade de atracción sobre o público de toda a provincia, mañá celebrarase un evento deportivo para empezar a promocionar a Festa da Ostra. Trátase da II Carreira Popular da Ostra, que reunirá a máis de 400 participantes e que percorrerán unha distancia de seis quilómetros, saíndo desde o Porto. O circuíto será urbano e percorrerá distintas rúas de Arcade.

Comentarios